17 de maio de 2022

MADRID

MIGUEL ÁNGEL SOBRINO BLANCO: LEMBRANZA DUNHA PERSOA CEN POR CEN XENEROSA

A Facultad de Ciencias de la Información, da Universidad Complutense de Madrid (UCM) acolleu este 17 de maio, un emotivo acto cívico na súa memoria


Cartel coa imaxe de Miguel Ángel Sobrino Blanco, exposto na UCM, e feito por dúas compañeiras da Biblioteca, na súa honra, lembrando que cada 8 de marzo Miguel recorría a facultade repartindo caraveis vermellos entre as mulleres
Foto: Cedida

Ricardo Rodríguez Vicente / Madrid

 Os ecos da súa bonhomía, da súa adicación ao alumnado, do seu espiríto de amizade, bondade, cooperación, honestidade, rigor científico, solidariedade, xenerosidade,..., foron, entre outros, valores que posuía noso lembrado amigo e veciño o doutor Miguel Ángel Sobrino Blanco, profesor xubilado da Universidad Complutense de Madrid, falecido - logo de salvarlles á vida a catro persoas - na praia de Santa Fe, no municipio de Trujillo, Colón, no caribe de Honduras, o pasado día 9 de abril; e que seus colegas e ex alumnos, relembraron con emotividade na homenaxe cívica realizada na  Sala de Conferencias do edificio principal (anteriormente denominada Sala Naranja), da Facultad de Ciencias de la Información da Universidad Complutense de Madrid (UCM), neste 17 de maio, Día das Letras Galegas. Acto que foi retransmitido en directo pola canle de YouTube da UCM e que contou coa asistencia de familiares de Miguel Blanco, amigos e ex compañeiros de facultade, así como doutras persoas que mediante vídeo conferencia ou no servizo de mensaxería habilitado, expresaron seu aprecio persoal polo douctor Miguel Ángel Sobrino Blanco.


Capturas de pantalla do acto de homenaxe a Miguel Ángel Sobrino Blanco
Fotos: Infogauda


 De Miguel Blanco, como era coñecido no seu pobo natal - A Guarda - e tamén no ámeto docente, todas as persoas que participaron de xeito presencial ou por vía telemática, coincidiron en destacar súas cualidades e tamén seu carácter vitalista, e ao mesmo tempo valorar súa predisposición para motivar ao seu alumnado, e dese xeito encarrilalos académicamente para que acadasen seus obxectivos formativos e de doutorado.

 Miguel Ángel Sobrino Blanco tiña moi claro cales eran ás claves para transmitir ao alumnado que pasase pola facultade na que el impartía docencia, levase aceso o facho da cooperación entre os pobos. El foi un ser altruista e xeneroso que soubo canalizar os recursos dispoñibles para que alumnado de Honduras lograse participar nun proxecto xurdido no seo da Universidad Complutense de Madrid - propiciado en gran medida por Miguel Blanco -, e acadasen o Doutorado en Cambio Social y Desarrollo. 

 Na homenaxe interviron, por esta orde: 

Presentación: Francisco Bernete García (Sección Departamental de Sociología: Metodología y Teoría, Univ. Complutense). 

- Compañeiros de estudos de Miguel: Jesús Gracia (en vídeo),  profesor xubilado de Comunicación (UCM), e Antonio P. Muñoz Carrión, profesor titular de Sociología na Facultad de Bellas Artes (UCM).

- Profesores, compañeiros de Miguel nos seus primeiros anos como docente: María Antonia Arias (Univ. Santiago) e Carmen Caffarel (Univ. Rey Juan Carlos). 

- Discípulos de Miguel (ex alumnos con posterior carreira académica): María José Arrojo (Univ. de A Coruña) e María Cadilla (Univ. Complutense). 

- Compañeiros de Honduras: Noé Leiva (ex alumno do programa de formación de Doctores e director da Escuela de Periodismo (UNAH); e Augusto Serrano, profesor xubilado de Filosofía (Universidad Nacional Autónoma de Honduras).






Nas imaxes, algunhas das persoas que asistiron ao acto de homenaxe a Miguel Ángel Sobrino Blanco
Fotos: U.C.M.



 Concluída a primeira parte da homenaxe, que durou uns 50 minutos, viría o brinde por Miguel, no xardín interior da Facultad de Ciencias de la Información. Nese espazo houbo intervencións de: José Antonio Alcoceba (director da Sección Departamental); Beatriz Tovar (en representación do Persoal de Administración e Servizos (PAS) da Facultade) e de María Cadilla, interpretando coa gaita "Grândola, Vila Morena". A partir de aí, as persoas participantes na homenaxe, dedicáronse a saudarse e a charlar entre eles/as, lembrando tantos e tantos momentos especiais vividos con Miguel Ángel Sobrino Blanco.


Vista parcial das persoas que asistiron ao brinde por Miguel Ángel Sobrino
Fotos: U.C.M.
Diego Sobrino - 2º pola esq. -, fillo de Miguel Ángel Sobrino Blanco, coa súa nai - 4ª pola esq. - no brinde

Maria Cadilla Baz, de A Guarda, puxo as notas musicais coa súa gaita galega



En decraracións a este cronista, María Cadilla Baz, díxonos: "Como sabe, ambos pertencemos á Sección Departamental de Socioloxía: Metodoloxía e Teoría, da Facultade de Ciencias da Información da UCM. A impresión que temos todos os compañeiros despois do acto é moi grata, pois vimos como foi un encontro de verdadeira fraternidade, onde acudiron moitos compañeiros da UCM e doutras universidades, ademais de familiares, amigos e ex alumnos. Creo que foi un acto perfecto conforme á filosofía de vida de Miguel, exactamente o tipo de celebración que el quixese".

 Desde este xornal dixital transfronteirizo queremos resaltar o mérito de todas ás persoas que organizaron o devandito acto en memoria de Miguel Ángel Sobrino Blanco, e por suposto a todas ás que participaron directa ou telemáticamente no mesmo. Honrar, honra.

 Non queremos concluir esta breve crónica, sen reiterar a proposta de recoñecer a título póstumo á figura de Miguel Ángel Sobrino Blanco, pola súa determinante acción de botarse a auga para salvar a vida de catro persoas que estaban nunha dramática situación, e a risco de perecer na praia onde el estaba coa súa familia. Por esa acción heroica - cuxo esforzo foi o causante do seu falecemento -, e por outra xesta anterior, que tivera lugar na praia do Forte, en Camposancos (A Guarda), segundo referiu súa curmá Blanca Sobrino Lombardero, consideramos que desde á institución municipal guardesa debería acordarse o inicio da tramitación legal para promover un recoñecemento institucional a figura humana de Miguel Blanco.

Nota do autor: Esta información foi actualizada ás 18:44 horas do mércores día 18 de maio, grazas a xentil colaboración de María Cadilla Baz, da Facultad de Ciencias de la Información; Sección Departamental de Sociología: Metodología y Teoría, da Universidad Complutense de Madrid (UCM).

Ningún comentario:

Publicar un comentario