10 de abr. de 2022

A GUARDA

MIGUEL ÁNGEL SOBRINO BLANCO (MIGUEL BLANCO): UN GUARDÉS DE LEI PARA A MEMORIA DEMOCRÁTICA

Faleceu na praia de Santa Fe, no municipio de Trujillo, Colón, no Caribe de Honduras

 

 Miguel Ángel Sobrino Blanco
Foto: Banda Roxa


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Con grande pesar, damos conta do pasamento no día de onte 9 de abril de 2022, de Miguel Ángel Sobrino Blanco, natural e veciño de A Guarda, profesor xubilado, que faleceu afogado na praia de Santa Fe, no municipio de Trujillo, Colón, no caribe de Honduras. 

 Membros do Corpo de Bombeiros recuperaron o cadáver de Miguel Ángel Sobrino Blanco, que estaba de vacacións na compaña de familiares seus, cando sofreu o fatal percance.

Miguel Ángel Sobrino Blanco 

 A Miguel Ángel Sobrino Blanco, lembrámolo na época escolar, como alumno do Colexio PP. Somascos, de A Guarda. 

 Posteriormente como membro da Asociación de Veciños de A Guarda; promotor da recuperación para á memoria democrática da fosa común de Sestás; Secretario de Organización da Unión Sindical Local de Comisións Obreiras (CC.OO.) do Baixo Miño, con sede – naquela altura – nun inmoble propiedade de dona Josefina Lorenzo Gómez (A Leona) e de don Francisco Álvarez Vicente (Chuco), sito na rúa Vicente Sobrino, de A Guarda. Cando a crise pesqueira con Portugal, nos anos 1978-79, traballou de xeito activo na tramitación do expedente de crise para a totalidade da frota pesqueira de A Guarda e na organización e coordinación das asembleas e mobilizacións que tiveron lugar na nosa vila.


Miguel Ángel Sobrino Blanco, coa súa inseparable cámara fotográfica, na romaría das Festas do Monte Santa Trega
Foto: Banda Roxa

 Impulsor da candidatura da Agrupación Democrática Guardesa, ás eleccións municipais de 1979; membro do Partido Comunista de Galicia (PCG); fotógrafo amador, membro da Banda Roxa e activo colaborador social con varios colectivos, entre eles Traperos de Emaús, entidade impulsada polo sacerdote Enrique de Castro López-Cortijo.

 Tamén foi socio de número da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, e loitou xudicialmente para tentar evitar súa disolución.

 Miguel Ángel Sobrino Blanco foi profesor titular – por concurso ordinario -,  adscrito ao Departamento de Sociología IV (Met. de la Investigación y Teoría de la Comunicación, na Facultad de Ciencias de la Información, da Universidade Complutense de Madrid (UCM), Coordinador do Programa de Doctorado en Comunicación, Cambio Social y Desarrollo.

 Autor de diversos traballos de investigación - El desarrollo histórico de las tecnologías informacionales y sus repercusiones sobre la investigación social del lenguaje,  publicado na revista Estudios de sociolingüística: Linguas, sociedades e culturas, coordinada por María Antonia Arias Fernández. Vol. 3 – nº 1, 2002; Hacia una teoría social de la Documentación, publicada na Revista general de información y documentación, editada pola Universidade Complutense de Madrid – Vol. 9 – nº 2, 1999; Reflexiones sobre el procedimiento previsto en la Disposición Adicional Primera de la Ley Orgánica 3/1989, de 21 de junio, publicada na Revista xurídica galega, nº 2, 1992; Taller de técnicas de trabajo cooperativo para la participación en comunicación para el desarrollo, libro da autoría de Francisco Bernete García, José Antonio Alcoceba Hernando, Miguel Angel Sobrino Blanco, Omar de León Naveiro, Irene Seara Oro. Universidade Complutense. Madrid, 2011; Problemas sociales derivados del videotex, tese de doutoramento de Miguel Ángel Sobrino Blanco, dirixida por Manuel Martín Serrano, lída na Universidade Complutense. Madrid, 1991; dirixiu dúas decenas de teses doutorais, entre elas a de María Cadilla Baz, de A Guarda.

 Miguel Ángel Sobrino Blanco - Miguel Blanco, como era popularmente coñecido - era, por encima de todo, unha persoa sinxela e comprometida co próximo. 

 Un guardés de lei, pioneiro da recuperación da Memoria Democrática na vila de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario