CAMPOSANCOS ENALTECERÁ A ÁNGEL ARMINDO MARTÍNEZ SOBRINO, NA CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS, 2022
A homenaxe terá lugar na Casa Cultural da Comunidade de Montes de Camposancos, o sábado día 14 de maio, ás 20:30 horas
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos
Non hai mellor premio que o recoñecemento que á veciñanza lle pode brindar a un autor, que ainda residindo - como neste caso - na cidade departamental de Ferrol, nunca deixou de exercer como digno fillo de Camposancos. De feito, cada ano pon rumbo a ese fermoso lugar, situado ao abeiro do monte Santa Trega e tendo como espello as salobres augas do río Miño, que entre Caminha e Camposancos vai recoñecéndose como reverenciado petrucio, milenario símbolo da nosa Galicia.
E por vontade da xunta reitora da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, a Casa Cultural dese dilixente e heteroxéneo colectivo social, acollerá o próximo sábado día 14 de maio, ás 20:30 horas, o acto de conmemoración do Día das Letras Galegas, que nesta ocasión, en Camposancos, estarán adicadas a Ángel Armindo Martínez Sobrino.
O evento contará coa actuación da gaiteira Nadia Vázquez Martínez, de Camposancos, sendo a primeira muller que gañou o Concurso Solista de Cornamusa do festival de música tradicional Le son continu, en Château d`Ars (Francia).
En relación a persoa a homenaxear, José Fernando Martínez Martínez, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes de Camposancos, referiu:
"Ángel Martínez Sobrino, autor do libro "Camposancos. O camiñar dun pobo" que esgotou a primeira edición e presenta a segunda terá un merecido recoñecemento do pobo que o viu nacer, no que viviu ata a puberdade, que tivo que deixar para facer futuro e do que nunca esqueceuse, xa que case todos os anos parte das vacacións as desfrutaba eiquí. Agora xa nos albores da súa vida quixo agasallarnos cun regalo mui prezado das súas vivencias no noso pobo.
Lucho, cómo é coñecido por nós recibirá o agarimo do seu pobo. Persoas como el fan pobo".
Ángel A. Martínez Sobrino
Ángel Armindo Martínez Sobrino naceu en Camposancos (A Guarda) no ano 1947. Aos 17 anos, unha vez finalizados os estudos de Bacharel Superior, ingresou na Armada Española como mariñeiro voluntario, permanecendo en servizo activo, ata o ano 2004 en que pasou á reserva, co grao de capitán de fragata.
É un gran afeccionado á lectura, amante da música clásica e autor de varios traballos xenealóxicos sobre a súa ascendencia familiar. "Navegando con Fuerte Marejada" é a súa primeira obra publicada.
Asemade, en xullo de 2021, publicou “Camposancos. O camiñar dun pobo”.
Trala metáfora de “O camiñar dun pobo” atópanse unha serie de historias todas elas relativas ao desenrolo e acontecer do lugar onde naceu o autor. Partindo dunha pequena reseña histórica do pobo, a continuación vanse expoñendo cronolóxicamente unha serie de acontecementos, relatos e feitos acontecidos ao longo do tempo, salpicada de lembranzas e experiencias persoais, que tratan de definir a peculiar idiosincrasia dos nativos de Camposancos, moitas veces difícil de entender pra os que naceron fora.
O relato remata cun canto a fermosura do pobo e cunha reflexión que evoca o amor do autor por el.
Ningún comentario:
Publicar un comentario