Programación familiar para esta fin de semana na Guarda
• Con actividades que rematarán o 17 de maio, coa conmemoración do Día das Letras Galegas
• Un espectáculo de clown e acrobacias e o recordo a Florencio Gurriarán, marcarán a axenda
Infogauda / A Guarda
Na tarde deste sábado 14 de maio (18:00h, Auditorio de San Benito), a diversión está asegurada para toda a familia co espectáculo de clown familiar C’est pas possible, co que a artista Marta Iglesias (Marta Sempre Arriba) convídanos a comprobar que si é posible saír da rutina. Todos nós temos sentido algunha vez como a preocupación por ser eficaces, cumprir prazos e expectativas lévanos a esquecernos de gozar co que facemos.
Acostumada a traballar na sombra, a técnica e aparelladora é a encargada de monta-lo pórtico de aéreos e preparalo todo para que a gran artista brille na escena. Responsable, disciplinada, eficaz e profesional, cada día pon o mellor de si mesma. Pero a súa rutina vaise ver alterada pola ollada do público, espertando o seu lado torpe e fantasioso, levándoa a facer aquelo que cría imposible.
En linguaxe clown e con acrobacia aérea, levará ao público a empaparse das emocións que esta personaxe vive na escena.
A diversión para toda a familia continuará o martes 17 de maio ás 12:00h. na praza de Avelino Vicente co contacontos Florencio nas Ondas, no que a narradora Raquel Queizás achegaranos a figura do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas.
Mediante a recreación dun antigo programa de radio descubriremos a vida de película deste personaxe, medio espía, medio fuxitivo, que contribuíu a dignificación de Galicia e a normalización da nosa fala nunha época escura.
Xa para rematar o día festivo, ás 19:00 horas, no Auditorio de San Bieito, volverá o tradicional Festival das Letras Galegas, que congregará aos principais grupos de baile e música tradicional da nosa localidade, para render tributo a Florencio Gurriarán.
Ese evento contará coa participación das seguintes agrupacións: Grupo de Baile Xamaraina, Grupo de Pandereteiras Vento Mareiro, Doxe nun ano, A Boalleira, Studio 88, Trebón dos Xidos, Na beira do Miño (CEIP A Sangriña), Anduriñas (CEIP As Solanas), Churumbela e a Agrupación Cultural Guardesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario