3 de maio de 2019

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

NADIA VÁZQUEZ MARTÍNEZ, CLASIFICADA PARA REPRESENTAR A GALICIA NO XXXIV TROFEO MACCRIMOM

Na vindeira edición do Festival Interceltique de Lorient (Francia) 


Nadia Vázquez Martínez coa acreditación e o agasallo do Concurso-Selección Gaiteiros Trofeo MacCrimmom, recibidos o pasado domingo na Cidade da Cultura

Infogauda / Camposancos (A Guarda) 

 O pasado domingo, día 28 de abril, celebrouse na Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) o concurso polo cal o xurado da Delegación de Galicia do Festival Interceltique de Lorient, seleccionou ás catro persoas que representarán a Galicia no XXXIV Trofeo MacCrimmon de gaita solista, incluído no 49º Festival Interceltique de Lorient (Francia), que nesta edición estará adicado a Galicia. E cábenos á enorme satisfacción de informar aos lectores deste xornal dixital transfronteirizo que a gaiteira Nadia Vázquez Martínez (Camposancos - A Guarda, 1996) é unha das catro clasificadas. Dese xeito estará competindo polo prestixioso trofeo o día 3 de Agosto en Lorient.  

 A representación galega no Trofeo MacCrimmon 2019 está conformada por:  

1.- Xesús Rodríguez Callejón 
2.- Nadia Vázquez Martínez 
3.- Manuel Ramón Seoane Sánchez 
4.- Maria López Carballo  

 O xurado estivo composto por Brais Maceiras, Abraham Fernández e César Martínez.

 Nadia Vázquez Martínez é a única clasificada da zona do Baixo Miño. Os outros tres clasificados, son do norte de Galicia.


NADIA VÁZQUEZ: UNHA GAITEIRA DE ÉXITO

 Como lembrarán nosos lectores, Nadia Vázquez Martínez, proclamouse gañadora en 2018, do Concurso Solista de Cornamusas (gaitas) en Châeau d'Ars, Francia. Dese xeito, a xoven gaiteira de  Camposancos recolleu a testemuña de Antón Varela, artesán gaiteiro finado en 2017,que en 1989 gañaba este mesmo certamen, o máis prestixioso do país galo. Dende entón, ningún outro gaiteiro galego volvera a acadar este galardón.  

 A xesta acadada por Nadia Vázquez Martínez, ten dobre mérito. Por unha banda, Nadia convertiuse na segunda persoa galega en gañar ese concurso, trinta anos despois de que o fixera Antón Varela e, doutra banda, pasa a historia do certame ao ser a primeira muller en facelo.

 Nadia Vázquez comezou súa carreira musical dende ben cedo - con 9 anos -, a estudar gaita no Conservatorio Elemental de Música de A Guarda sendo, en 2018, estudante Erasmus na Universidade LUCA School of Arts, Campus Lemmens (Bélxica) onde estudou Musette Barroca co prestixioso doutor Jean-Pierre Van Hees, un dos maiores especialistas de gaitas do mundo.

 Nadia estuda gaita no Conservatorio Superior de Musica de Vigo con Rebeca Carrera e foi no Conservatorio Profesional de Tui onde obtivo o Premio de Fin de Grado na especialidade de Gaita (2015). A súa carreira compleméntase con cursos e obradoiros de prestixiosos músicos como Daniel Bellón, Pablo Devigo, Xurxo Fernández, Marcos Campos,...  

 Non era a primeira vez que Nadia Vázquez participaba en concursos de gaita solista como o que gañou en Château d'Ars xa que, con anterioridade, en 2015, logrou o segundo premio no «I Concurso de Gaita e Tamboril» da cidade de Tui e no 2016 gañou o primeiro premio do «XVII Concurso de Musica Tradicional Xacarandaina» na Coruña.  

 Actualmente é membro do grupo vigués Traspés. Como solista e membro doutras diferentes agrupacións, ten participado en festivais importantes por diferentes países de Europa como Croacia, Francia, Portugal, Bélxica, España,... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario