O monte Santa Trega amplía a oferta de visitas guiadas gratuítas
• Neste ano 2022 recupérase a ampla oferta comezando xa no mes de xuño e rematando en setembro
Infogauda / A Guarda
O Padroado Municipal Monte Santa Trega, de A Guarda, ofrece unha temporada máis as visitas guiadas ao Monte Santa Trega para que visitantes e veciños poidan coñecer mellor os valores arqueolóxico, culturais, monumentais e paisaxísticos deste singular enclave.
Neste ano 2022 recupérase a ampla oferta de visitas guiadas comezando xa no mes de xuño e rematando no mes setembro. Como queira que neses meses acostuman ser épocas preferentes para visitas guiadas concertadas para grupos e escolares, as visitas guiadas regulares en xuño e setembro serán nas fins de semana, con dous horarios (12:00 e 18:00h)
Ademais a oferta das visitas amplíase nos meses de maior afluencia - xullo e agosto -, con visitas de martes a domingo e 4 visitas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h), polo que a oferta de visitas guiadas amplíase para que todos os visitantes interesados teñan a oportunidade de coñecer a cultura castrexa e a nosa paisaxe.
Este ano as visitas guiadas estarán centradas no poboado castrexo do Monte Santa Trega, nas áreas escavadas dende o norte ao sur, sendo sempre interesante, completar esta actividade coa visita ao Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT), situado no Pico de San Francisco.
Para ofrecer unha visión máis amplla da zona escavada vaise realizar un percorrido completo dende Porta Norte ata a Porta Sur, recorrendo as diferentes áreas escavadas ao longo dos últimos cen anos, como as vivendas reconstruídas, o poboado Mergelina, o concheiro,...
As prazas seguen a estar limitadas polo que se precisa de inscrición previa no Museo Arqueolóxico (MASAT) no teléfono 690 017 038 (tamén WhapsApp) ou enviadno un correo electrónico a: masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta pero as persoas que accedan ao Monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público establecido.
A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario