“DEGUSTA EUROPA” CHEGA AO SEU FIN, DESPOIS DE SERVIR MÁIS DE 7.000 TAPAS EN MERCADOS DA PROVINCIA PARA CELEBRAR A GASTRONOMÍA DE PROXIMIDADE
· As elaboracións baseadas en pratos franceses, italianos, suízos, gregos, daneses, checos, holandeses, belgas e irlandeses do menú do alumnado do CIFP Manuel Antonio foron as protagonistas da cita no mercado municipal de A Guarda
Infogauda / A Guarda
Despois de recalar nos mercados das vilas do Grove, Mondariz, Pontevedra, Gondomar e Vigo, o programa “Degusta Europa” da Deputación de Pontevedra puxo o broche de ouro a esta edición na súa última cita, que tivo lugar no mercado municipal da Guarda. Alí, a veciñanza e os traballadores e traballadoras do mesmo puideron gozar dun menú baseado en pratos de países como Francia, Italia, Suíza, Grecia, Dinamarca, República Checa, Holanda, Bélxica ou Irlanda pero elaborados con produtos quilómetro cero que se poden atopar no día a día nos mercados como o da Guarda. A esta cita coa gastronomía europea non quixeron faltar, ademais, o deputado provincial Carlos Font e as concelleiras de A Guarda Mª Monsterrat Magallanes e Fátima Rodríguez.
O menú do mercado de A Guarda, que foi elaborado polo alumnado de hostalería do CIFP Manuel Antonio, de Vigo, dirixido por membros do profesorado do centro, estivo composto por petiscos e tapas como cunca da horta de cabaza asada, escuma de patacas e aire de ceboliño; tosta de cabala afumada, risotto cremoso de grelos con espeto de galiña; esfiado de porco a baixa temperatura en plan de pita; bucle de calamar crocante sobre produtos da terra; vasiños de iogur e crema de marmelo; enreixado de cabelos de anxo; melindres e torta das Rías Baixas. Tampouco faltou un cóctel elaborado a base de vermú de orixe galego, que contribuíu tamén a poñer en valor os produtos de proximidade.
Desta maneira, na súa sexta cita co pública de Pontevedra, “Degusta Europa” chega ao seu fin por este ano despois de servir máis de 7.000 tapas, petiscos e bebidas nos mercados que participaron este ano na provincia. Foron os alumnos e alumnas dos CIFP Carlos Oroza (no Grove, Mondariz e Pontevedra) e do CIFP Manuel Antonio (en Gondomar, Vigo e A Guarda) os encargados de elaborar e servir os menús nos mercados. Este programa, que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha no ano 2016 e que nas pasadas edicións xa recorreu os concellos de Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, O Grove, A Guarda, Lalín, Marín, Pontevedra, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vigo, naceu co obxectivo de conmemorar o Día de Europa, que se celebra cada ano o 9 de maio para poñer en valor o que significa pertencer á Unión Europea e os valores que integra. Despois de celebrarse en liña no ano 2020 por mor da pandemia a través de receitas das escolas de hostalería de Pontevedra e de vídeos de cociñeiros e cociñeiras de gran prestixio da provincia, neste 2022 volveu á presencialidade cun grande éxito de público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario