30 de maio de 2022

O ROSAL

Afluencia masiva na concentración contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal  

O Concello seguirá denunciando a precaria situación da sanidade na comarca ante o Sergas e apoiando as novas mobilizacións que convocarán as plataformas cidadáns




Imaxes da mobilización do pasado venres, no Rosal, en defensa da sanidade pública
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal fixo pública no día de hoxe súa valoración sobre a recente mobilización cidadán en defensa da sanidade pública, salientando a “gran resposta da veciñanza contra o desmantelamento da atención primaria no Rosal. O pasado venres máis de 700 persoas se concentraron diante do Centro de Saúde rosaleiro para manifestar o seu malestar ante a situación que está a vivir o municipio e que derivou nunha situación grave hai uns días cando chegou unha persoa con necesidade de atención urxente mentres a única médica do centro saíra xunto coa ambulancia para acompañar a outro paciente ao hospital Álvaro Cunqueiro e que rematou co traslado do doente en padiola polo centro urbano ata o helicóptero mobilizado para levalo ao centro hospitalario”.

 Como afirma a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, o Concello “vai seguir denunciando ante o Sergas a precaria situación que estamos a vivir na atención primaria e apoiando todas mobilizacións que convoquen as plataformas cidadás en defensa da sanidade, porque, como se demostrou hai uns días, co continuo desmantelamento estase poñendo en risco a saúde e mesmo a vida da veciñanza”. 

 “No Rosal e na comarca estamos a vivir nunha situación extrema polos recortes. Goberne quen goberne a sanidade, ao igual que a educación, debe ser unha prioridade, xa que garante unha sociedade igualitaria”, recalca a rexedora.  

 Durante a concentración lembrouse que “na actualidade, os tres concellos da comarca, que suman máis de 20.000 habitantes, contan cunha soa ambulancia medicalizada que non só está a unha hora do hospital de referencia e fai servizo soamente ata as 22.00 horas, senón que ademais ten a súa base nun municipio a máis de 50 km.”

UNHA SOIA MÉDICA PARA MÁIS DE 6.000 PERSOAS

 Finalmente, desde o Concello do Rosal denuncian: Ademais, nos últimos cinco meses só hai unha médica atendendo ás máis de 6.000 persoas que viven no Rosal e dende o 2021 non se conta con pediatra, o que non só implica unha sobrecarga das dúas pediatras da Guarda, senón que deriva en demoras na atención e priva aos rapaces e rapazas dunha necesaria atención temperá que permite detectar en tempo adecuado potenciais patoloxías que poden ser graves para o seu futuro”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario