4 de maio de 2022

A GUARDA

O alumnado de infantil e primaria de A Guarda acude esta semana a ver a película Valentina  

Foi gañadora do Goya á mellor película de  animación 2021  


O filme dirixido por Chelo Loureiro, é un canto pola inclusión e a infancia que busca visibilizar e normalizar as discapacidades
Fotos: C.A.G.
Aspecto que presentaba hoxe a platea do salón de actos do Centro Cultural nunha das funcións de proxección do filme



Infogauda / A Guarda

 Durante a mañá do mércores 4, xoves 5 e venres 6 de maio os centros de ensinanza primaria e infantil da localidade acudirán ao Centro Cultural para ver o filme Valentina, un filme de produción galega que se fixo este ano co Premio Goya ao mellor filme de animación.   

 O filme dirixido por Chelo Loureiro, de produción galega e rodado en galego en versión orixinal, é un canto pola inclusión e a infancia que busca visibilizar e normalizar as discapacidades. 

 Valentina - a protagonista do filme - é unha nena que soña con ser trapecista, pero cre que non poderá por ter a síndrome de Down. A súa avoa anímaa sempre a perseverar e a non perder a ilusión. 

 A película conta -en clave fantástica- a maneira en que Valentina aprende, relaciónase, evoluciona. Como todas. Realiza unha viaxe que a fai cambiar, non porque experimente unha transformación milagreira, senón porque se coñece mellor a sí mesma. Como todo o mundo. É a historia dunha nena e a súa actitude activa respecto ao que lle pasa, unha nena pola que non hai que sentir compaixón nin unha grande admiración, só empatía.   

 Todos os colexios acudirán a ver a película, mais o pase do xoves 5 de maio ás 12h. acudirán os alumnos do Centro San Xerome, xunto co Colexio Manuel Rodríguez Sinde. Os alumnos do centro San Xerome lerán o manifesto pola discapacidade e poderán responder preguntas doutros nenos. Todos os centros da vila recibiron ademais unhas guías didácticas para poder traballar posteriormente na aula os temas tratados na película, ademais de contar co apoio do Centro San Xerome para complementar os contidos da mesmas.  

 A nivel artístico, a película conta cunha coidada selección artística e un importante traballo de investigación que deron como resultado a delicadeza tanto na factura coma na mensaxe que se desprende da película. Así incorpora na parte técnica e de realización persoas da talla de Emilio Aragón e Nani García nas composicións musicais, ou o ilustrador David Pintor para o deseño das personaxes. 

 Grazas á axuda da Fundación Down España, Fundación ONCE, e varias asociacións autonómicas Down, Valentina contou con dúas incansables actrices de doce anos coa síndrome de Down, Lucía Seren (versión galega) e Josephine Lockhart (versión castelán), para darlle unha voz realista. A co-guionista e tamén actriz na película Lúa Testa, fixo un intenso traballo de dirección para sacar o mellor das artistas noveis.   

FICHA-RESUMO DA ACTIVIDADE ACTIVIDADE: PROXECCIÓN FILME VALENTINA 

Lugar:  Centro Cultural de A Guarda 

Datas: 4, 5 e 6 de maio de 2022 

Horarios: 10:00h. e 12:00h. 

Organiza: Concello de A Guarda – Concellería de Cultura 

Participan: CEIP Manuel Rodríguez Sinde, CEIP A Sangriña, CEIP As Solanas, CPR HH. Carmelitas- San José, CPR PP. Somascos, Escola Unitaria da Gándara  

Máis información: cultura@aguarda.es, www.valentinafilm.es

Ningún comentario:

Publicar un comentario