5 de maio de 2022

A GUARDA

José Ignacio  Prades deixará o Atlético Guardés a final de tempada 

O técnico  petrerí pecha un ciclo glorioso de seis anos na Guarda, cun título de Liga, un subcampeonato de Copa e un pleno de participacións europeas 

Ademais de grandes resultados -nunca baixou do terceiro posto en Liga-, o preparador alacantino deixa unha pegada indeleble a nivel persoal no club e no pobo  

O club expresará todo o seu agarimo e gratitude ao mellor adestrador da súa historia cunha homenaxe este venres día 6 de maio, ás 20:00 horas, na Sangriña 




Infogauda / Redacción / Deportes

 Sempre é duro dicir adeus. E máis a quen che faga tocar o ceo. Pero os ciclos non son infinitos e o de José Ignacio Prades no Mecalia Atlético Guardés pecharase cando conclúa a presente tempada. O técnico de Petrer pon así fin a seis anos inesquecibles, nos que levantou un título de Liga, non se baixou nunca do podio no torneo da regularidade, clasificouse sempre para as competicións europeas e rozou a gloria na Copa da Raíña da semana pasada. Unha traxectoria que eleva ao alacantino á categoría de mellor adestrador da historia do club.  

 Prades arribou á Sangriña no verán de 2016. Púxose á fronte dun equipo que viña en progresión desde o seu ascenso á División de Honra. Esa mesma tempada, fixo historia ao levar ao Atlético Guardés cara ao título de Liga, a xesta máis grande nos 55 anos de vida da entidade. Un campionato inesquecible, que quedará para sempre na retina de todos os afeccionados. A partir de aí, foi capaz de manter unha regularidade tempada tras tempada, co seu equipo sempre na zona alta da táboa –nunca baixou do terceiro posto-. O mellor exemplo, o pleno de clasificacións continentais durante a súa estancia na Guarda, incluíndo unha semifinal europea: a da European Cup fronte a Málaga, o ano pasado.  

 Na segunda campaña, a 2017/18, rozou coa xema dos dedos a reválida do título. Só o promedio de goles apartoulle de ser campión de novo e houbo de conformarse coa segunda praza empatado a puntos con Bera Bera. Nos cursos 2018/19 e 2019/20 asinou senllos terceiros postos. E o ano pasado, novamente foi subcampión. Un rendemento que demostra a extraordinaria capacidade de  Prades en torneos ligueiros. Sobre todo, tendo en conta que dirixía un equipo cun orzamento sensiblemente inferior ao de  transatlánticos como Bera  Bera ou Rocasa e agora tamén Málaga. Nos catro partidos que restan para finalizar a competición, o técnico de Petrer poñerá todo da súa parte para manter ao Guardés nese podio ligueiro ou, como mínimo, pechar unha nova clasificación europea. Todo iso despois de obter en Donostia un subcampionato na Copa da Raíña nunha fin de semana inesquecible.   

 Pero a pegada que Prades deixa na Guarda vai moito máis alá dos grandes logros deportivos. O preparador alacantino gañouse o agarimo de todos os estamentos do club e do pobo en xeral. É unha persoa moi querida, involucrada e integrada na vida diaria da localidade miñota, o que lle converteu nun guardés máis. Por ese motivo, a entidade vai brindar unha homenaxe este venres na  Sangriña. As portas do pavillón abriranse ás 20:00 para todo aquel que queira asistir para expresar o agarimo e a gratitude que José Ignacio merece. Alí estará toda a xunta directiva, equipos e adestradores do club e, por suposto, a primeira plantilla de xogadoras. O mellor adestrador da historia do  Mecalia Atlético Guardés non merece menos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario