7 de maio de 2022

A GUARDA

RECEPCIÓNS DE HONRA AS CADETES FEMININAS DO CLUB DE REMO ROBALEIRA, CAMPIOAS DE GALICIA E DE ESPAÑA, DE BATEIS

Tiveron lugar na tarde de onte, na sede de OR.PA.GU. e na Casa do Concello, respectivamente


Alcalde e membros da Corporación Municipal do Concello de A Guarda aplaudindo as cadetes femininas do Club de Remo Robaleira, campioas de Galicia e de España de bateis, así como ao adestrador e xunta directiva do club
Fotos: Infogauda

Vista parcial do salón de plenos da casa do Concello onde tivo lugar o acto de recepción oficial 
Así estaba a praza do Reló, onte pola tarde cando as campioas de Galicia e de España sairon aos balcóns da Casa do concello a saudar a seareiros a veciñanza de A Guarda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Despois da epopea das xornadas en Rianxo e en Pasaia, onde lograron o campionato de Galicia e de España, respectivamente, de bateis, as cadetes femininas do Club de Remo Robaleira, tiveron na tarde de onde unha axenda completa de recoñecementos. En primeiro lugar, na sede da Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.), onde foron recibidas polo presidente e membros desa organización de productores de pesca, que patrocina á entidade deportiva Robaleira.


O presidente e membros de OR.PA.GU. coas cadetes campioas de Galicia e de España de bateis
Foto: Santiago Baz Lomba

 Logo viría á recepción oficial que o alcalde e a Corporación Municipal do Concello de A Guarda, lles ofreceron no salón de plenos da Casa do Concello. E nese lugar de tanta significación, diante dunha representación da afección e da veciñanza do pobo guardés, remeiras, adestrador, membros da xunta directiva,..., recibiron os públicos parabéns do alcalde, da concelleira de Deportes e dos portavoces de cada grupo municipal con representación na corporación.

 O brillante colofón desta tempada ben merecía un acto de recoñecemento como ese, no que as verbas de todas as intervencions foron coincidentes, salientando o alto valor dos logros deportivos acadados polas remeiras cadetes femininas do Club de Remo Robaleira, que coa súa xesta deixaron constancia dun fito na historia do club guardés, e mesmo serviu de soporte para convidar a que a familia do remo guardés volte a amosarlle todo seu apoio as e os deportistas de Robaleira, en cada un dos desprazamentos, ao longo de cada tempada, como acontecía en décadas precedentes.

 Con todo merecemento, onte foi unha xornada, na que os balcóns da Casa do Concello foron testemuña arquitectónica da ledicia desbordante e plenamente xustificada, das valorosas remeiras que fixeron ondear as bandeiras que as acreditan como campioas de Galicia e de España, de bateis. 

 E a pé da praza do Reló - como así lle chamamos na vila -, unha representación cívica, aplaudiu a demostrada valentía das nosas remeiras, nun deporte no que A Guarda, ademais de competir con entidades deportivas de moito renome, ten amosado seus indiscutibles valores. Ainda que como é ben sabido, queda moito mar por remar.

 Como colofón da recepción oficial, toda a familia de Robaleira e da cidadanía guardesa, dirixíronse ata a praia da Ribeira onde agardaba un batel no que as cadetes campioas de Galicia e de España, nuns longos pola cristalina badía do porto, amosaron as bandeiras que co seu esforzo, lograron en Rianxo e Pasaia, e constitúen os mellores e máis cobizados premios, que podían traer para A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario