7 de maio de 2022

A GUARDA

SEXADES MAR, SELECTA ACHEGA A BIBLIOGRAFÍA MARÍTIMA DE A GUARDA

O libro foi presentado por Manuel Álvarez, autor dos retratos das mulleres e homes do mar


Manuel Álvarez Álvarez, nun momento da súa intervención na presentación do libro Sexades mar
Fotos: Santiago Baz Lomba
Vista parcial do aspecto que presentaba a lonxa no acto de presentación do libro 

Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 A lonxa do breve porto de A Guarda, pulcro espazo onde de luns a venres, chegan - cando Neptunus o permite - os froitos que con moito esforzo, mulleres e homes do noso mar, colleitan na plataforma continental adscrita a Confraría de Pescadores Santa Tecla, de A Guarda; foi na tarde de onte venres 6 de maio de 2002, o lugar que acolleu - coa colaboración de Manuel Pacheco Alonso e Dionisio Ameal Pacheco, así como da concellalía de Cultura de A Guarda -, o magnífico acto de presentación de Sexades mar (Chan da Pólvora Editora, 2022).

 No espazo interior de subastas de peixe, o fotógrafo Manuel Álvarez Álvarez, funcionario xubilado que traballou en Géneve, no Alto Comisionado das Naciones Unidas (Acnur), ao tempo que destacado activista cultural na súa estadía en Suiza; foi recibindo agarimosamente a casa unha das persoas que se achegaron ao lugar onde ía presentar Sexades mar. Unha coidada publicación protagonizada polas mulleres e homes de A Guarda e súa área de influencia (Oia e O Rosal, especialmente), fotografados de vagar, pola cámara que guía o intelecto, á ollada e as mans sabias de Manuel Álvarez.

 O acto de presentación desa alfaia bibliográfica, contou coa presenza das mulleres e homes que entregan seu labor cotiá ao mar. Tamén asistiron o alcalde Antonio Lomba Baz; a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez; membros da Corporación Municipal de A Guarda; Antón Lopo,  editor, poeta, xornalista e director de Chan da Pólvora Editora; Luís Alberte, músico e autor da composición "Deolinda"; Joaquín Cadilla Castro, pescador, armador e presidente da Organización de Palangreiros Guardeses; amigos, familiares, artistas e veciños de A Guarda e súa contorna.


O músico Luis Alberte nun momento da súa actuación

 Houbo momentos para as diferentes intervencións previstas no guión do evento, e tamén grata atmosfera para a música do saxo barítono de Luis Alberte e a voz pausada de Manuel Álvarez, que, como explicou, oficiaría de álter ego da poeta Helga Cabiddu, quen por motivos profisionais non podía estar na Guarda nesa data.

 Na súa salutación, Manuel Álvarez, entre outras cousas afirmou: "(...) O primeiro dicir contén verbas de agradecemento á Confraría de Pescadores Santa Tecla polas facilidades postas á disposición do autor para realizar este traballo, así como ao Concello de A Guarda e  a Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) polo seu soporte. Ademáis de maneira especial a Miro Villar pola revisión normativa do galego e seu texto limiar Sempre e máis despois. 

 Da mesma forma ás nosas traballadoras e traballadores do mar que cada día nun duro labor terman da colleita dos froitos do noso mar en medio de vagadas de auga salgada e de fonemas dos versículos de cantos de sereas aboiando na tona. Cantos e ladaíñas, voces das ondas do noso mar. Ai ondas, ai ondas tamén chamades por Deolinda. 

 No entanto, ao azar, xa todo ficou así: abriuse a tramela do ollo de vidro e pechouse rápida e vertixinosa na súa sombra. Deixou, emporiso, algunhas trazas de presenza e de luz nestas follas de papel impreso que podemos, de hoxe en diante, follear con curiosidade, observar, sondar, ancorar. Abrir e fechar un libro, permeábel de mar, nas mans. 

 No fondo pode que o fotógrafo co seu proceder praticara tan só unha forma de intercambio indirecto de fíos invisíbeis, coa abnegación necesaria para reivindicar a compostura mesurada dun intercambio inenarrábel, dun episodio inesquecíbel, dunha recordación persistente (...)".

 "(...) Outrosí, un postremeiro recordo, con desconsolo, para o entrañábel amigo Miguel Blanco que houbéramos desexado que estivera tamén connosco eiquí hoxe coas súas palabras, mais fai xa algúns días deixou a esencia da súa xenerosa vida nas augas caribeñas doutro mar, moi lonxe, a cinco mil millas náuticas destas costas. Amaba o mar, este mar, o seu mar, e identificábase coas súas xentes. Era un corazón mariñeiro máis da fratria da súa benquerida Banda Roxa. 

 Ata sempre Miguel (...)".

  No seu turno de intervención, a concelleira de Cultura, Mª Montserrat Magallanes Álvarez dixo:

 "(...) Manuel Alvarez presentou Gameleiros o 20 de setembro do 2003, neste porto da Guarda. Libro polo que moitas persoas nos teñen preguntado, libro que outras moitas teñen solicitado  e  un libro que gardo na miña pequena biblioteca dentro dun recunchiño onde  repousan aqueles que me teñen proporcionado as mellores vivencias, as maiores emocións e aqueles aos que recorro como aprendizaxe vital.  

 Vos vou a ler unhas palabras que Manuel  trazou no epílogo do  seu  libro, e que recollen a esencia  de Gameleiros, din así:  

 “A sobriedade de presencia, a mirada. O rostro espallado no camiño do traballo e da loita diaria. As marcas do mar, ronsel da vida. Gamelas, trasmallo, nasa, trol. Palangre. Colleita de mar. Marca de auda. Marusía. O corazón do noso mar. As dignidades das nosas xentes”.  

 Dende ese día, dende esa presentación, eu sinto un aprecio e un afecto especial por Manuel Álvarez, nace do respecto pola súa obra, pola calidade da mesma, polo exquisito coidado do seu traballo. E nace tamén do orgullo que sinto ao ter nas mans Gameleiros. Sinto que se fae xustiza e que as xentes do mar están xustamente retratadas, están os seus esforzos, as súas feridas e tamén o seu amor polo mar e o orgullo polo traballo honrado e digno.   

 O mesmo sentín  con  Sexades mar. O epílogo de Gameleiros ben podería ser o prólogo de Sexades mar, unha obra coidada, feita con esmero e que emociona. Con este libro se recoñece a grandeza  e o traballo esforzado da xente do mar. Se recoñece a presenza da muller neste sector da pesca, se pode apreciar, nos seus rostros, a dureza deste traballo. A dignidade e orgullo que amosan hoxe en día  ao saberse contedores da sabiduría e o traballo ben feito de xeracións anteriores.  

 Aí estades, e estaredes grazas a esa parada no tempo que nos posibilita a fotografía, mulleres e homes de mirada forte e directa, e cunha media sorriso,..., quizais sabedores de que 20 anos non son nada.   

 Grazas Manuel por este libro, prologado por Miro Villar, cos versos de Helga Cabiddu  e que nos aporta unha mirada moi diferente a algo que para moitos é cotiá pero que está cheo de música e poesía (...)".  

 A seguir viría unha lectura pública en primicia, da obra Sexades mar, logo de ser impresa, coordinando a voz de Manuel Álvarez e as notas musicais do "(...) amigo próximo e músico Luís Alberte, ourensá residente na Xenebra emigrante, cómplice fraterno ao longo dos anos de múltiples singraduras similares a esta de hoxe", que como explicou Manuel Álvarez "compuxo a peza musical para saxofón barítono na memoria de Deolinda, discreta e delicada ouriceira e percebeira oiense de Burgueira que nos deixou subitamente (...)".


Manuel Álvarez co alcalde Antonio Lomba

 E finalmente falaría Antonio Lomba Baz, alcalde de A Guarda e veciño de estirpe mariñeira, por dupla ascendencia, xa que o é, por ambas as dúas vías de consanguinidade. Na súa intervención, Lomba referiu: "Eu vexo a Manuel, coa actitude humilde de quen non alza a voz, de quen fala como quen susurra…de quen trata con profundo respecto ao interlocutor. Pero tamén o vexo coa seguridade de quen non necesita alzar a voz, de quen che susurra para crear unha atmosfera próxima, suxerente, un clima propicio para o entendemento.  

 Supoño (ou dígo que supoño, porque non quero confesarme victima do seu obxectivo) que este é tamén o engado que Manuel utiliza no seu quefacer artístico como fotógrafo. Emite ese canto sereo (ou canto de sereo) para que a víctima do seu ollo de vidro entregue unha parte da súa esencia a súa caixa negra. E así, despois de procesado e poetizado, termos como resultado edicións tan fermosas no fondo e na forma como é “Sexades Mar”. 

 Un día coma hoxe non podemos deixar de lembrar o comezo do diálogo que Manuel estableceu coa nosa xente do mar. o mítico Gameleiros. Revisando estes días esa publicación pareceume un libro aínda máis fermoso que a última vez que vira. O tempo vai pasando, e fotos e textos, inmunes ao conteo do reloxo e ao incansable traballo de Caronte, vanse convertendo nunha estampa clásica da nosa vila mariñeira. 

 Agora 20 anos despois Manuel Álvarez regálanos, con este libro, “Sexades Mar” outra instantanea da nosa vida mariñeira a través dos e das súas protagonistas. Esta vez co acompañamento dos textos poéticos de Helga Cabiddu.  

 O libro mostra unha evolución porque o mundo do mar tamén evolucionou. Segue captando a esencia das xentes coa mesma maestría que o fixo fai dúas décadas, pero agora as mulleres reclaman a súa  presenza, o seu protagonismo como xentes do mar. Por outra parte a tecnoloxía tamén se fai presente. As vestimentas tradicionais deixan paso á novas indumentarias, que non mudan rostros pero si engaden unha pátina de modernidade a un mundo que se alimenta da tradición. Tamén vemos que cobra protagonismo o marisqueo, a recolección, fronte a pesca. 

 En definitiva. Manuel retrata a mariña da Guarda a través dos traballadores e traballadoras do mar no libro que se presentamos hoxe. Unha fermosa e cuidada edición, con fotografías, textos poéticos e incluso música. Un pracer para os sentidos.  

 Gracias Manuel. 

 Gracias a todos por estar aquí". 

 Con esas verbas, a gozosa presentación de Sexades mar - selecta achega a bibliografía marítima de A Guarda -, culminaría coa sinatura de exemplares por parte de Manuel Álvarez e uns mesurados grolos de sabedeiro viño galego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario