9 de maio de 2022

O ROSAL

CÁSTOR RODRÍGUEZ GONZÁLEZ PRESENTA AS SÚAS ‘INQUEDANZAS’ 

O sábado 14 de maio ás 19.30 horas, no auditorio municipal

O autor, actual xuíz de paz e moi vencellado ao devir educativo e literario do Rosal, estará acompañado por Bieito Ledo e Antón Pulido




Infogauda / O Rosal

 O Rosal vai acoller un novo acto para dar a coñecer o traballo dun dos seus veciños. Cástor Rodríguez González, actual xuíz de paz e docente de moitas xeracións de rosaleiros e rosaleiras no CPI Manuel Suárez Marquier, presentará no auditorio municipal, o sábado día 14 de maio, ás 19.30 horas a súa última obra ‘Inquedanzas’. 

 O acto, organizado por Ir Indo Edicións en colaboración co Concello do Rosal, contará coa presenza do propio autor, un persoeiro moi vinculado ao devir literario, educativo e cultural do municipio nas últimas décadas.  

 Durante a presentación, Cástor Rodríguez estará acompañado polo tamén escritor Bieito Ledo, director da editorial Galaxia ata o ano 1985, fundador dos Premios da Crítica de Galicia e creador de Ir Indo, o seu propio selo editorial, co que xa ten publicados máis de 600 títulos.  

 O acto ademais contará coa presenza de Antón Pulido, pintor, gravador e xestor cultural, un artista comprometido con Galicia capaz de trasladar ese sentimento de amor á terra a todas as súas obras.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, que tamén participará no acto, convida a toda a veciñanza a acompañar a un veciño tan comprometido coa cultura e a educación rosaleira como Cástor Rodríguez na presentación da súa obra. O encontro será con entrada libre ata completar aforo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario