23 de maio de 2022

A GUARDA

Dobre cita cultural para o sábado 28 de maio  

· Un contacontos adicado á Florencio Delgado Gurriarán e a obra teatral #2Pilgrims poñerán o broche á programación de maio

  


Infogauda / A Guarda

 A Biblioteca Municipal de A Guarda, acollerá o sábado día 28 de maio, ás 12:00h, o contacontos das Letras Galegas “Florencio nas Ondas”, a cargo da narradora Raquel Queizás. Ese evento tivo que adiarse da súa data orixinal por mor da choiva. 

 Mediante a recreación dun antigo programa de radio descubriremos a vida de película deste personaxe, medio espía, medio fuxitivo, que contribuíu a dignificación de Galicia e a normalización da nosa fala nunha época escura.  

 Para asistir a ese espectáculo, apto para nenas/os a partir de 5 anos, é preciso confirmar a asistencia previamente no Centro Cultural: centrocultural@aguarda.es ou no teléfono 986 611 850 en horario de 16:00. a 21:00h. 

  



 Nesa mesma data, ás 20:00 h., o Centro Cultural acollerá unha representación teatral. Neste caso a última proposta de Redrum Teatro: “#2Pilgrims”. A peza aborda o proceso de creación dunha obra teatral a cargo de dous recoñecidos actores como son Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. O Camiño de Santiago será a escusa ou detonante que os protagonistas atopen para iniciar a súa reflexión, na que temas como a igualdade ou as novas masculinidades formarán parte das súas preocupacións principais.   

 Esta obra, a décimo quinta da compañía - que xa estivo na Guarda con creacións como Noiteboa, Invisibles ou O home con lentes de pasta- está especialmente pensada para o público mais novo e incluso adolescente. A compañía quixo facer un esforzo por dirixirse á mocidade cunha comedia que conta con grandes doses de absurdo e que fai un cuestionamento crítico sobre o amor romántico, así como unha reflexión acerca do efecto das redes sociais nas relacións persoais.   

 O acceso será de balde ate completar o aforo máximo do salón de actos, non sendo precisa a inscrición previa.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario