Dúas nenas de 11 anos gañan ex eaquo o premio literario “Xosé Carlos Gómez Alfaro”, impulsado por Orpagu e Galaxia
• O xurado do certame decidiu que Marea Amoedo y Nerea Pino son merecedoras del premio pola gran calidade dos seus relatos.
• O académico Xesús Alonso Montero participará no acto de entrega, que terá lugar na sede de Orpagu, en A Guarda, o próximo 4 de xuño.
• Os escritores Claudia Castro, Paula Carballeira e Diego Giráldez foron os encargados de valorar os 49 traballos que se presentaron este ano ao concurso “Homes e Mulleres do mar. Premio Gómez Alfaro”.
Mar Bermúdez / A Guarda
Por primeira vez nos seus sete anos de historia, o premio literario “Xosé Carlos Gómez Alfaro”, impulsado pola Organización de Palangreiros Guardeses (OR.PA.GU.) en colaboración coa Editorial Galaxia, ten dúas gañadoras ex aequo: Marea Amoedo e Nerea Pino, ambas as dúas de 11 anos. Así o decidiu o xurado tras ler os 49 traballos que optaban ao galardón literario, chegados desde diferentes colexios de A Guarda, Oia, Ponteareas e Redondela, e coincidir en que ambos os dous relatos compartían orixinalidade, calidade e méritos máis que suficientes.
“O soño de Max”, de Marea Amoedo (Redondela), e “O mariñeiro da ponte”, de Nerea Pino (Ponteareas), conquistaron aos escritores que conformaron este ano o xurado do concurso “Homes e Mulleres do Mar. Premio Gómez Alfaro”: Claudia Castro, Paula Carballeira e Diego Giráldez.
O primeiro relato fala de Max, un neno de 9 anos que atopa nun soño, que transcorre no fondo do mar, unha válvula de escape dun fogar conflitivo e dun cambio de colexio. Pola súa banda, o segundo traballo protagonízao un novo matrimonio, mariñeiro el, e percebeira ela, e un personaxe misterioso, “o mariñeiro da ponte” que da título ao traballo e que aparece para saldar unha débeda do pasado.
O xurado sinala que tanto Marea como Nerea mostran, aos seus 11 anos, un gran dominio da linguaxe e unha rica imaxinación que conseguiron plasmar con brillantez nos seus relatos. Por tanto, ambas as dúas recibirán o próximo día 4 de xuño os seus respectivos premios e a felicitación do xurado, ademáis da do presidente de Orpagu, Joaquín Cadilla, e do director da Editorial Galaxia, Francisco Castro.
A entrega de galardóns terá este ano un invitado de excepción: Xesús Alonso Montero. E é que, ademais de Claudia Castro, Paula Carballeira e Diego Giráldez, e da viúva - Rosa Berta Alfaro Diéguez - e o fillo de Gómez Alfaro - Daniel Gómez Alfaro - o escritor e membro do Consello da Cultura Galega e da Real Academia Galega quixo participar nun evento no que os grandes protagonistas son os nenos e nenas.
As dúas gañadoras do “Gómez Alfaro” serán galardoadas cunha tableta, un trofeo e un lote de libros da Editorial Galaxia. Premios para incentivar máis se cabe o desexo de ler e de escribir destas dúas aprendices de escritoras que, nesta ocasión, atoparon no mar e a súa xente a inspiración perfecta. Ler, escribir e navegar conxúganse da mesma forma.
Gómez Alfaro, sempre na memoria
O premio literario leva o nome do escritor Xosé Carlos Gómez Alfaro, profesor de Ensino Secundario no Colexio Padres Somascos, de A Guarda, localidade na que viviu ata o seu falecemento. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Alfaro foi un recoñecido escritor, poeta e articulista en varios medios de comunicación. Como poeta deuse a coñecer en 1969 cunha obra en castelán, “De rodillas”, publicada na Editorial CLA en Bilbao, pero toda a súa obra posterior foi en galego.
Ningún comentario:
Publicar un comentario