OS TEITADORES ESTÁN TRABALLANDO NO MONTE SANTA TREGA
Para repoñer á cuberta vexetal dunha das vivendas castrexas
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Desde Pedrafita do Cebreiro (Lugo), onde atópase un dos poblados prerromanos máis coñecidos de Galicia ata o monte Santa Trega (A Guarda), na provincia de Pontevedra, viñeron os artesans teitadores, expertos en cubertas vexetais tradicionais. O motivo da súa nova presenza entre nós, é para repoñer a cuberta dunha vivendas castrexas do xacemento arqueolóxico máis visitado do noroeste peninsular, que resultara seriamente danada polos temporais.
Un oficio ancestral
Provistos de monllos de centeo e brincallos - cordas de centeo trenzadas que terman do teito -, os teitadores realizan seu ancestral e laborioso oficio. Porén, seu traballo - ou o dos seus fornecedores - xa comezou moito antes. O centeo, como todo o mundo sabe, non se fabrica. Hai que sementalo, cultivalo, segalo a man - a máquina estraga a palla - e logo escolmalo e mallalo, ainda que algúns teitadores mercan os mollos xa feitos en Astorga.
Para teitar é preciso unha navalla, unha paleta de madeira de freixo e un "carro" que fai que o colmo (palla de centeo) se arrexunte sobre o "cango", a estructura que o soporta. Esas ferramentas e as hábiles mans do teitador son as que finalmente coroarán os teitos de colmo das vivendas castrexas, tal e como se facía na Idade do Ferro.
Ainda que materiais e man de obra conlevan un importante desembolso económico, tamén é verdade que a maior cidade prehistórica de Galicia - ubicada nese inigualable enclave do monte Santa Trega - ben merece ese esforzo pecuniario. E dese xeito, ofrecer a veciños e visitantes a mellor posta en escea dese megapoboado castrexo, verdadeira icona de A Guarda, da que toda á veciñanza séntese, orgullosa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario