O “Piueiro” reemprendeu a travesía a Pasaia tras reparar o seu motor en tempo récord
• Os 11 tripulantes -dez homes e unha muller- do volanteiro da Guarda saíron ás seis da mañá do porto de Malpica grazas á pericia dos mecánicos de Krug Naval, que consiguiron arranxar o motor avariado a pasada semana.
• Mantense aberta a conta e activo o código Bizum para colaborar coa asociación guardesa e a súa xesta náutica para participar no Pasaia Itsas Festibala.
Mar Bermúdez / A Guarda
Ás seis da mañá deste luns, o “Piueiro” retomaba o seu soño de participar no Festival do Mar de Pasaia. Unha avaría no motor o pasado martes obrigou ao volanteiro a entrar remolcado por Salvamento Marítimo no porto de Malpica e puxo en perigo a participación do barco no encontro internacional de embarcacións tradicionais de Pasaia. Tras horas de nervios e inumerables xestións, os técnicos de Krug Naval desprazáronse ao día seguinte a Malpica para levar o motor a Vigo e tentar a fazaña de reparalo en tempo récord. E lográrono.
Onte a media mañá, dous mecánicos da empresa viguesa desprazáronse a Malpica co “corazón” do Piueiro xa en perfecto estado e, tras as probas de auga pertinentes, o volanteiro voou esta mañá cara á súa seguinte escala: o porto de Cariño, onde chegaron esta mesma tarde. Tras facer noite alí, os 11 do “Piueiro”, que suman 701 anos, partirán á primeira hora do martes para completar as cinco etapas que quedan ata chegar a Pasaia, onde esperan recalar o día 22 de maio.
Desde a Asociación Piueiro queren agradecer a todas as persoas que están a contribuír para sufragar esta reparación, custosa polo complicado da mesma, e manterán o número de conta e o código Bizum para seguir recibindo a solidariedade das galegas e galegos, ademais de empresas e asociacións que queiran achegar o seu gran de area á súa particular odisea. Así mesmo, lembran que se sortearán camisetas do Piueiro e unha travesía no volanteiro entre todos os que participen nesta causa solidaria, que xa mobilizou a numerosas persoas.
O Festival de Pasaia terá lugar entre o 26 e o 29 de maio e, tras o rotundo éxito da primeira edición en 2018, a organización do festival pretende afianzar neste 2022, tras o parón obrigado pola pandemia, o seu compromiso coa autenticidade e seguir dando protagonismo aos barcos con valor patrimonial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario