AS SECCIÓNS SINDICAIS DE CCOO. CIG E CUT, NO CONCELLO DE VIGO, FANSE ECO DE OBRAS ILEGAIS
"(...) gravísimos feitos que foron cometidos polo Goberno local desta cidade con diñeiro público de todos/as os contribuíntes (...)"
As seccións sindicais asinantes deste comunicado, con representatividade no Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Concello de Vigo (SPEIS), queremos poñer en coñecemento da opinión pública uns gravísimos feitos que foron cometidos polo Goberno local desta cidade con diñeiro público de todos/as os contribuíntes. Referímonos ás obras ilegais acometidas na edificación abandonada da antiga depuradora de Coruxo, para reconvertela nun improvisado parque de bombeiros.
Agora, e trala recente resolución do director da Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística (APLU) da Xunta de Galiza, de data 16 de marzo de 2022, quedan confirmadas as nosas sospeitas. O devandito organismo autonómico acaba de incoar un procedemento sancionador e de reposición da legalidade contra o Concello de Vigo pola realización daquelas obras, e que foron executadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre (a) sen licenza urbanística, (b) sen autorización do servizo provincial de urbanismo da Xunta (c) sen autorización da Dirección xeral do Ministerio para a Transición Ecolóxica e (d) sen autorización do organismo de Augas de Galiza. Unha ilegalidade esférica, mírese por onde se mire.
Por tanto, a APLU acaba de darmos a razón aos tres sindicatos asinantes deste escrito cando denunciamos oficialmente que a reconversión da antiga depuradora nun parque de bombeiros era unha actuación radicalmente ilícita. E fixemos esa denuncia porque é vergoñento, indecente e intolerable que co diñeiro dos cidadáns/ás se financien obras ilegais en edificios públicos.
Lonxe de valorar as nosas advertencias, impedíusenos, dende o propio Concello, o acceso ao expediente administrativo -a pesar de ter garantido o dereito de acceso por imperativo legal-, para evitar que puidésemos detectar as ilegalidades cometidas co gallo da realización daquelas obras. Pero as autoridades municipais fracasaron no intento, porque as ilegalidades eran obscenas.
Pois ben, tal e como no seu día denunciamos, o mesmo departamento administrativo que hai dous anos ditou aquel ilegal decreto que obrigaba os bombeiros a traballar nos seus días de descanso (o que supuxo a invalidación desta resolución por catro sentenzas xudiciais firmes) atreveuse agora a realizar, con idéntico desprezo ao ordenamento xurídico, obras ilegais que tiñan por finalidade a implantación dun uso prohibido na servidume de protección de Costas. Obras costeadas, repetimos, con diñeiro de todos/as is vigueses/as.
Falamos do departamento de Seguridade e Mobilidade, o mesmo que se dedica a sancionar e reprimir contumazmente todo tipo de infraccións cometidas polos cidadáns/ás, como ben sabe a veciñanza desta cidade. Sen dúbida, todo un exercicio de <<coherencia>> e <<exemplaridade>>.
Porén, o exercicio do noso deber supuxo no seu día, como vén sendo xa unha práctica recorrente, a emisión dos máis reprobables comentarios por parte do alcalde, quen se atreveu a cuestionar o lexítimo exercicio das nosas funcións representativas, esquecendo que, como funcionarios públicos que somos, non só temos o dereito senón o deber de denunciar calquera práctica ilegal da que teñamos coñecemento por razón dos nosos cargos.
Pero vese que certos políticos/as e altos funcionarios/as municipais seguen actuando coa prepotencia e descaro propios daquelas persoas que se cren impunes ante a lei. Pero a “sorte” de saír indemnes das responsabilidades persoais por mor deste tipo de falcatruadas non lles vai ser eterna. De feito, os servizos xurídicos dos tres sindicatos denunciantes xa están valorando a posibilidade de iniciar as pertinentes accións penais contra os responsables destas ilegalidades.
(R.)
Nota da Redacción de Infogauda:
Asemade, as seccións sindicais de CCOO, CIG e CUT, adxuntan a comunicación da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística - recibida no domicilio do representante dos portavoces das tres seccións sindicais no Concello de Vigo -, que dí o seguinte:
NOTIFICACIÓN DA INCOACIÓN DO EXPEDIENTE SANCIONADOR, RESTITUCIÓN E DE REPOSICIÓN E PREGO DE CARGOS
Expediente número: POL/35/2021-RP1
Notifícolle o acordo de incoación do director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística de Galicia do 16 de marzo de 2022.
Este acordo, por ser un acto de trámite non é susceptible de recurso. Póren, poderán presentar as alegacións, medios de proba ou a documentación que consideren no prazo de 15 días hábiles que comezará a contar dende o día seguinte ao que reciban esta notificación.
O que lle notifico pola súa condición de interesado, en cumprimento do disposto no artigo 40 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela
Documento datado (12.04.2022) e asinado dixitalmente á marxe.
INCOACIÓN DE EXPEDIENTE SANCIONADOR E DE RESTITUCIÓN E REPOSICIÓN DA LEGALIDADE
Expediente número POL/35/2021-RP1
1. O 19/04/2021 presentouse denuncia no exercicio da acción pública prevista no artigo 109 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas (en adiante, LC), polas obras de remodelación integral da antiga EDAR para a implantación do parque municipal de bombeiros na estrada PO-325, Avenida Ricardo Mella, núm. 180, no concello de Vigo. Esta denuncia foi reiterada o 02/06/2021 e o 09/09/2021.
2. Na visita de inspección practicada o 21/09/2021 o subinspector urbanístico do Servizo Provincial de Pontevedra da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (en adiante, APLU) constatou que a edi6icación conta con dúas plantas de altura, cunha superficie aproximada en planta baixa de 360 m² e de 140 m² en planta alta.
Esta edificación foi utilizada anteriormente como centro de control da antiga EDAR do río Lagares, inaugurada no ano 1997 e con cese de actividade no ano 2017. Co fin de adaptala ao uso actual de parque de bombeiros foron executadas as seguintes obras interiores e exteriores:
- Na imaxe do Google Street View do ano 2019 o corpo leste da edi6icación semella ser completamente diáfano ao permitirse a comunicación visual directa a través das ventás das dúas fachadas principais. Pola contra, na actualidade xa non existe esta comunicación visual directa, o que indica que existe algún tipo de nova partición interior para o novo uso.
- Na imaxe do Google Street View do ano 2019 o corpo central da edi6icación contaba cunha pequena ventá na metade superior da planta e ese oco foi obxecto de obras para amplialo e instalar unha porta de evacuación.
- No exterior da edificación instalouse un hidrante de columna así como un equipo limpabotas.
3. As obras están situadas na parcela con referencia catastral 54057A120003610000BA (polígono 120, parcela 361), cunha superficie de 56.008 m². Segundo a certificación descritiva e gráfica da Dirección Xeral do Catastro, o titular é o Concello de Vigo.
O inmoble ten a referencia catastral 54057A120003610001ZS. Ano de construción 1998. Superficie construída 1001 m². Uso principal o6icinas.
4. As obras atópanse dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre, segundo o plano de deslinde o6icial aprobado pola Orde ministerial do 18/12/2003 enviado polo Servizo Provincial de Costas do Estado.
A distancia das obras ao límite interior da ribeira do mar é de 12 metros no seu punto máis desfavorable, segundo o informe do subinspector urbanístico emitido o 23/09/2021.
Na ortofoto aérea do ano 1989 e do ano 1994-1997 a parcela estaba libre de construcións.
5. As actuacións denunciadas non están amparadas na preceptiva autorización do órgano competente en materia de costas esixida no artigo 26 da LC, segundo os informes emitidos o 29/04/2021 e o 29/07/2021 polo Servizo de Urbanismo de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
Carecen tamén de licenza urbanística, segundo se desprende do informe emitido o 18/07/2021 polo xefe da Área de Seguridade do Concello de Vigo.
Tampouco consta autorización da Dirección General de la Costa y el Mar del Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográ6ico nin de Augas de Galicia, segundo o informe emitido o 23/09/2021.
6. Sen prexuízo do que resulte da instrución do expediente, as obras executadas constitúen unha infracción grave tipificada no artigo 90.2.g da LC, consistente na realización de construcións non autorizadas na zona de servidume de protección. De conformidade co disposto no artigo 97.1.c da LC, corresponde unha sanción de multa do 25% do valor das obras e instalacións, cun mínimo de 300 euros.
Asemade, as obras executadas constitúen unha infracción grave tipi6icada no artigo 90.2.i da LC, consistente na utilización da zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre para usos non permitidos pola presente lei. De conformidade co disposto no artigo 97.1.a da LC, corresponde unha sanción de multa de ata 300.000 euros, tendo en conta os criterios establecidos no citado artigo.
A valoración das obras executadas ascende ao importe de 405.444,00 €, segundo o informe do subinspector urbanístico emitido o 23/09/2021.
7. O artigo 93.1.b) da LC establece que serán responsables da infracción cometida o promotor da actividade, o empresario que a executa e o técnico director da mesma, así como calquera outro suxeito que interveña por acción ou omisión na comisión do feito constitutivo da infracción.
No presente caso, interveu o Concello de Vigo como promotor das obras e como propietario dos terreos.
O presunto responsable pode recoñecer voluntariamente a súa responsabilidade, cos efectos previstos no artigo 85 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, aplicando reducións do 20% sobre o importe da sanción proposta.
8. A potestade sancionadora e de restitución e reposición da legalidade na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre está atribuída á APLU, segundo o disposto no artigo 3.g) dos estatutos da APLU, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.
9. Correspóndelle aos servizos provinciais da APLU elaborar a proposta de incoación de procedementos de reposición da legalidade en materia de costas e a súa remisión á Dirección da APLU, segundo o disposto no artigo 5.2 do Decreto 51/2008, do 6 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, modi6icado polo Decreto 101/2013, do 27 de xuño.
10. O órgano competente para resolver o procedemento sancionador e de restitución e reposición da legalidade é o director da APLU, cando se propoña unha sanción inferior a 300.000 euros, e o Consello Executivo da APLU, cando se propoña unha sanción entre 300.000 e 600.000 euros, segundo o disposto nos artigos 15.k) e 18.b) dos estatutos da APLU, aprobados polo Decreto 213/2007, do 31 de outubro.
11. O prazo para a noti6icación da resolución do procedemento sancionador será de doce meses contados a partir da data de incoación, transcorrido o cal sen que se produza aquela ditarase resolución declarando a caducidade do procedemento, nos termos establecidos no artigo 102 da LC.
Por canto acontece, RESOLVO:
1. Incoar expediente sancionador e de restitución e reposición da legalidade ao Concello de Vigo, na súa condición de propietario e promotor, polas obras realizadas na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, sen a preceptiva autorización autonómica, consistentes en construción dunha edi6icación actualmente usada como parque municipal de bombeiros na estrada PO-325, Avenida Ricardo Mella, núm. 180, no concello de Vigo (referencia catastral 54057A120003610000BA e 54057A120003610001ZS).
2. Ordenar, se é o caso, que se curse ao Rexistro da Propiedade a práctica da anotación preventiva que se indica no artigo 65.1.c) do Real decreto lexislativo 7/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo e rehabilitación urbana.
3. Nomear instrutora deste expediente a Mónica Cerqueiro Gómez e secretaria a Inés Villar Silva, funcionarias da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, podendo promoverse a recusación polos interesados en calquera momento da tramitación do expediente, expresando a causa ou causas nas que se funde, de conformidade co disposto nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.
4. Requirir aos responsables das obras e instalacións para que procedan a corrixir a situación creada pola comisión da infracción, podendo reducirse á metade a contía da multa que poida recaer para o caso de que o leven a cabo antes da resolución deste procedemento, de conformidade co disposto no artigo 97.3 da LC.
5. Notificar a presente resolución aos interesados, que disporán dun prazo de 15 días hábiles para achegar cantas alegacións, documentos ou informacións estimen convenientes e, no caso de que non tivesen por certos os feitos descritos nesta resolución, propor proba concretando os medios dos que pretendan valerse, de conformidade co disposto no artigo 211.8 do Real decreto 876/2014, do 10 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral de costas, e no artigo 77 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
No caso de non efectuar alegacións no prazo indicado, o acordo de incoación poderá ser considerado proposta de resolución cando conteña un pronunciamento preciso acerca da responsabilidade imputada.
Santiago de Compostela,
O director da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
Documento datado (15.03.2022) e asinado dixitalmente na marxe
PREGO DE CARGOS
Expediente número POL/35/2021-RP1
No procedemento sancionador e de restitución e reposición da legalidade incoado ao Concello de Vigo, polas actuacións abusivas realizadas dentro da zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre (en adiante ZSPDPMT), á vista das actuacións practicadas e de conformidade co disposto no Regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de Costas (en adiante LC), aprobado por Real decreto 876/12014, do 10 de outubro (en adiante R.C), formúlanse os seguintes cargos:
1.- Feitos imputados. Executar, sen a previa e preceptiva autorización do organismo competente en materia de costas, as obras consistentes na construción dunha edificación actualmente usada como parque municipal de bombeiros, na finca con referencia catastral núm. 54057A120003610000BA (polígono 120, parcela 361), sita na estrada PO-325 180, no termo municipal de Vigo, provincia de Pontevedra. O inmoble executado ten a referencia catastral 54057A120003610001ZS.
A citada obra foi executada dentro da ZSPDPMT, segundo se reflicte no plano de deslinde marítimo-terrestre aprobado por Orde ministerial do 18.12.2003 enviado polo Servizo Provincial de Costas do Estado.
A distancia das obras ao límite interior da ribeira do mar é de 12 m. no seu punto máis desfavorable
Na ortofoto aérea do ano 1989 e do ano 1994-1997 a parcela estaba libre de construcións.
2.- Responsables: O artigo 93.1.b) LC establece que serán responsables da infracción o promotor da actividade, o empresario que a executa e o técnico director da mesma, así como calquera outro suxeito que interveña por acción ou omisión na comisión do feito constitutivo da infracción.
No caso que nos ocupa o responsable é o Concello de Vigo, na súa condición de propietario e promotor.
3.- Preceptos infrinxidos: O artigo 25 prohibe determinados usos e establece que con carácter ordinario, só se permitirán nesa zona, as obras, instalaciones e actividades que pola súa natureza no poidan ter outra ubicación, ou aqueles que presten servizos necesarios o convintes para o uso do dominio público marítimo-terrestre, así como as instalacións deportivas descubertas O artigo 26 da LC esixe a autorización do órgano competente en mateira de costas, previa á realización do uso, actividade ou construción pretendida na ZSPDPMT.
Os feitos imputados son constitutivos de infracción administrativa grave, tipificada na LC, nos artigos 90.2.g) -pola realización de obras e construcións non autorizadas na ZSPDPMT-, e o art. 90.2.i) -pola utilización da servidume de protección para usos non permitidos pola LC-.
4.- Sancións que proceden: poderá recaer sobre os responsables da infracción, en concepto da sanción, unha multa do 25% do valor das obras e instalacións situadas na ZSPDPMT sen a preceptiva autorización ou, no caso da utilización da ZSPDPMT para usos non permitidos, multa de ata 300.000 euros; sen prexuízo de que a sanción poida verse atenuada, reducíndose a contía da multa ata a súa metade, no caso de que fose atendido requerimento efectuado no parágrafo 4 da resolución do acordo de inicio do expediente.
5.- Restitución e reposición: sen prexuízo da sanción que se impoña, o infractor estará obrigado á restitución das cousas e reposición ao seu estado anterior, coa indemnización de danos irreparables e prexuízos causados, no prazo e condicións que se determinen na resolución correspondente, consonte ao disposto nos artigos 95.1 da LC e 197.1 do R.C.
O que se comunica ao interesados, significándolles que disporán do prazo de 15 días a contar dende o seguinte á recepción da notificación, para que poidan achegar cantas alegacións, documentos ou informacións estimen convenientes e, se é o caso, propor proba concretando os medios de que pretendan valerse, que deberán dirixirse a este Servizo de Inspección Urbanística II citando a referencia que do expediente se fai no encabezado deste documento.
Santiago de Compostela,
Documento datado (21.03.2022) e asinado na marxe esquerda


Ningún comentario:
Publicar un comentario