4 de abr. de 2022

TOMIÑO

A XUNTA DE GALICIA ACTIVA EN TOMIÑO A UNIDADE MÓBIL DE COIDADOS SOCIOSANITARIOS, QUE VISITARÁ TODOS OS CONCELLOS DO SUR DA PROVINCIA ATA FINAIS DE MAIO  

· O delegado territorial, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, asistiu, neste municipio do Baixo Miño, á estrea na provincia de Pontevedra deste servizo, enmarcado no programa Coidados Porta a Porta da Consellería de Política Social 

· Esta iniciativa itinerante, que pretende evitar os desprazamentos dos usuarios, ofrece consultas gratuítas de audioloxía, podoloxía, estimulación da memoria e prevención de enfermidades cognitivas para persoas maiores de 55 anos a través de cita previa 

· “Os servizos de mobilidade son unha gran solución para achegar a atención aos galegos coa máxima cercanía, tendo en conta a dispersión poboacional que hai en Galicia e a elevada cifra de núcleos, coa metade dos que existen en toda España”, explicou o representante autonómico 


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e membros da corporación municipal visitou este mediodía o autobús habilitado para a prestación destas atencións gratuítas para persoas maiores de 55 anos

Fotos: X.G.

Infogauda / Tomiño

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, activou hoxe no Concello de Tomiño a posta en servizo na provincia de Pontevedra da unidade móbil de coidados sociosanitarios enmarcada no programa Coidados Porta a Porta, que visitará os 14 municipios do sur pertencentes ás bisbarras do Baixo Miño, O Condado e A Paradanta ata finais do presente mes de maio. 

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e membros da corporación municipal, visitou este mediodía o autobús habilitado para a prestación destas atencións gratuítas para persoas maiores de 55 anos na estrea desta iniciativa para a provincia de Pontevedra. 

 “Estes servizos de mobilidade prestados con sofisticadas unidades móbiles, nas que a Xunta investirá 10 millóns de euros entre este ano e 2023, son unha gran solución para achegar a atención sociosanitaria; ou doutra índole aos galegos coa máxima cercanía, tendo en conta a dispersión poboacional que hai en Galicia e a elevada cifra de núcleos residenciais, xa que temos a metade de todos os que existen en España. Por elo, cremos que é unha magnífica alternativa para evitar desprazamentos e levarlle os servizos públicos á porta da casa dos cidadáns”, explicou o representante autonómico.

 

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, activou hoxe no Concello de Tomiño a posta en servizo na provincia de Pontevedra da unidade móbil de coidados sociosanitarios enmarcada no programa Coidados Porta a Porta



 As consultas ofertadas consisten en revisións e valoracións auditivas; atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; e realización de probas de valoración cognitiva ou exercicios de estimulación para a prevención de Alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas.  

 Tras o arranque en Tomiño, onde permanecerá tamén as xornadas de mañá e do mércores 6 en horario de mañá e tarde, a unidade móbil achegarase ao Rosal (11-13 de abril), Tui (18-19 de abril), A Guarda (25-27 de abril), Oia (25-28 de abril), Salvaterra (2-3 de maio), As Neves (4-6 de maio), Arbo (9-12 de maio), Crecente (16 e 18 de maio), Ponteareas (16, 18 e 19 de maio), A Cañiza (19, 20, 23 e 24 de maio), Mondariz-Balneario (20, 23 e 24 de maio), Covelo (25-27 de maio) e Mondariz (25, 26, 27 e 30 de maio). Ao longo do ano está previsto que este servizo, prestado na provincia a través de dúas unidades denominadas Mega e Rías Baixas, regrese a atender novas citas nestes 14 municipios do sur da provincia. 

 Luis López tamén destacou que estes autobuses de atención sociosanitaria chegarán a todos os municipios de Pontevedra, agás as dúas cidades, e permanecerán nos mesmos entre dous e catro días con atención a xornada completa para achegar coidados especializados ás persoas maiores no seu propio concello. Ademais, informou que, tras percorrer as tres bisbarras do sur, as unidades móbiles desprazaranse a Terras de Pontevedra, onde comezarán o seu traballo, a partires do 8 de xuño, no municipio de Ponte Caldelas. 

 As persoas interesadas en solicitar cita previa para estes servizos ou en pedir información poden chamar ao número de teléfono 622 748 283 ou contactar a través do enderezo de correo electrónico coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario