4 de abr. de 2022

SANTIAGO DE COMPOSTELA

O Dr. Cordón-Cardó, do Mount Sinai, e o galego José Tubío  reciben os Premios Ramiro Carregal de Oncoloxía que incrementan notablemente a súa contía   

O Xurado destaca a dificultade do fallo pola cantidade e o nivel das candidaturas que optaban a gañar esta décima edición do Premio  

O Premio Internacional de Investigación Oncolóxica aumenta un 50 % a súa dotación, que é agora de 30.000 euros, e o Premio a Talentos Emerxentes increméntase de 6.000 a 10.000 euros  

Ramiro Carregal quere reafirmar o seu apoio á investigación médica e científica “que tan relevante foi nas últimas décadas e que se demostrou esencial nesta última pandemia”  


Carlos Cordón-Cardó, profesor de Patoloxía no Mount Sinai Health System de Nova York
José Tubío, investigador do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago)

 

Teresa Rocamonde / Santiago de Compostela

 O recoñecido investigador Carlos Cordón-Cardó, profesor de Patoloxía no Mount Sinai Health System de Nova York, converteuse no décimo Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica Ramiro Carregal, mentres que o compostelán José Tubío, investigador do CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago) recibirá o terceiro Premio a Talentos Emerxentes en Investigación Oncolóxica. 

 Ambos recibiron a noticia con dobre alegría, xa que á concesión dos premios únese o anuncio dun notable incremento nas contías dos mesmos, proposta polo mecenas e presidente de Honra do Xurado, o empresario Ramiro Carregal, na reunión celebrada a pasada semana para fallar esta edición. A proposta foi aprobada por unanimidade (do mesmo xeito que o propio fallo) e entra en vigor nesta mesma edición en virtude da cláusula prevista en ambos os Premios que faculta o Xurado para modificar en todo ou en parte as bases dos mesmos. 

 Deste xeito, o X Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica incrementa a súa contía un 50 % e pasará a estar dotado con 30.000 euros mentres que o III Premio a Talentos Emerxentes pasa de 6.000 e 10.000 euros que servirán para continuar traballando nunha das enfermidades máis crueis e letais da nosa sociedade pero que, “grazas á investigación e á medicina, cada día ten máis preto a súa curación ou cronificación”, asegurou Ramiro Carregal ao anunciar a súa proposta, coa que quere reafirmar o seu apoio á investigación médica e científica “que tan relevante foi nas últimas décadas e que se demostrou esencial nesta última pandemia”.

 Hai unha década, en febreiro de 2012 presentábase este Premio Internacional de Investigación Oncolóxica que nacía con “vocación de continuidade”, como ben dicía o seu promotor. O presidente executivo do Xurado, o Dr. Rafael López, lembra que “dez anos despois e cunha pandemia por medio, Ramiro Carregal non só demostrou que aquela vocación era firme e inalterable mantendo a convocatoria, senón que sumou outro galardón para investigadores novos e agora, nunha situación de extrema complexidade económica, social e empresarial, incrementa a dotación de ambos os premios”.

 O xefe de Oncoloxía médica do Hospital Clínico Universitario de Santiago tamén quixo agradecer o traballo desinteresado de todos os membros do Xurado nestes dez anos para lograr converter o Premio nun “referente de enorme prestixio internacional” tal como demostra a listaxe de premiados nestes anos e “a cantidade e o nivel das candidaturas que optaron a esta décima edición”.

X Premio Internacional para o Dr. Cordón-Cardó

 Nado en Cataluña, Carlos Cordón-Cardó obtivo o seu título de médico na Universidade Autónoma de Barcelona e trasladouse a Nova York para facer o doutoramento en Bioloxía Celular e Xenética do Medical College da Universidade de Cornell e converterse en investigador en inmunopatoloxía do Memorial Sloan Kettering Cancer Center, onde traballou máis de 20 anos. En 2006 uniuse á facultade do Colexio de Médicos e Cirurxiáns da Universidade de Columbia e en 2011 converteuse en profesor de Patoloxía da Escola de Medicina Mount Sinai.

 Na actualidade, o Dr. Cordón-Cardó é un “pioneiro da patoloxía molecular oncolóxica como disciplina académica e clínica, así como da innovadora plataforma de Patoloxía de Sistemas, que usa a bioloxía computacional para formar modelos matemáticos da interacción e o comportamento das células cancerosas co obxectivo de determinar un resultado clínico”, destaca o fallo do Xurado. 

 Así mesmo, destácase a súa contribución “para establecer unha comprensión máis profunda dos mecanismos dos cancros humanos e novas dianas terapéuticas, optimizando a medicina personalizada” así como “as súas análises de resistencia a múltiples fármacos e alteracións de xenes supresores tumorais no cancro humano que deron lugar a avances extraordinarios, incluíndo os cambios moleculares asociados á progresión de certos tipos de tumores sólidos”.

 Por iso, o Xurado conclúe que o Dr. Cordón-Cardó, un investigador recoñecido internacionalmente polos seus estudos sobre a patoloxía experimental e oncoloxía molecular, é merecedor do X Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Ramiro Carregal.

III Premio Talentos Emerxentes ao Dr. Tubío

 Máis preto quedou o premio destinado a investigadores máis novos. O compostelán José M. Tubío, doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago e investigador do CiMUS, é o galardoado nesta terceira edición pola “súa contribución en varios dos descubrimentos máis importantes no campo da xenómica do cancro”. José Tubío leva máis dunha década en primeira liña do desenvolvemento da xenómica do cancro mediante a xeración e análise de datos de ultrasecuenciación NGS, primeiro no Centro de Regulación Xenómica de Barcelona e despois no Wellcome Sanger Institute e na Universidade de Cambridge (Reino Unido). En 2016 creou o seu propio grupo de investigación, Genomes and Disease, conformado por unha vintena de científicos que traballan no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago para desenvolver ferramentas computacionais capaces de investigar o papel da variación xenómica na enfermidade e, particularmente, no cancro.

 Entre os seus moitos méritos, o Xurado do Premio Ramiro Carregal destaca a súa capacidade para captar recursos ou o seu recoñecemento como ‘Highly Cited Researcher 2019’ que o situou como un dos científicos máis influentes do mundo en canto á calidade das súas publicacións científicas.

Ambos os premiados recollerán os seus galardóns, como é habitual, nunha cerimonia que terá lugar en Santiago de Compostela esta mesma primavera. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario