O Rosal prepara xa a I Festa do Asociacionismo
Celebrarase o vindeiro 17 de maio co obxectivo de dar a coñecer a actividade do tecido asociativo e promover vínculos e colaboracións
Infogauda / O Rosal
O Rosal quere render homenaxe ao seu tecido
asociativo, un dos eixos fundamentais do desenvolvemento do municipio. Por este
motivo, o Concello está xa a preparar a I Festa do Asociacionismo, un evento
que coincidirá coa celebración do Día das Letras Galegas o vindeiro martes 17
de maio e que busca “mostrar toda a actividade que están a facer as asociacións
rosaleiras que traballan nos diferentes ámbitos no concello e promover ademais
vínculos e colaboracións entre elas e as persoas asociadas”, sinala a
alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
O
encontro celebrarase no parque de Pías e nel instalaranse postos nos que todas
as asociacións presentarán o seu traballo e na que tamén haberá distintas
actividades e obradoiros nos que poderá participar o público asistente. O programa
completarase con eventos e actos dirixido a público infantil e con actuacións
musicais para todos os públicos.
“As
asociacións son un dos motores do dinamismo do Rosal a nivel cultural,
deportivo, educativo ou social, cunha capacidade de adaptación impresionante a
todas as circunstancias dos últimos anos, algo que dende o Concello non podemos
máis que louvar”, lembra a rexedora, que salienta que “sentimos moito orgullo
de poder celebrar unha festa na que recoñecer o seu labor e dar a coñecer a
todos os rosaleiros e rosaleiras o traballo que están a desenvolver no
municipio”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario