O Rosal acollerá esta fin de semana o Festival de Primavera solidario por Ucraína
Organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello, será o sábado 9 ás 20 horas no auditorio municipal
Infogauda / O Rosal
O Rosal acollerá esta fin de semana o Festival de Primavera solidario por Ucraína, un concerto organizado pola Agrupación Musical do Rosal en colaboración co Concello coa que se procurará seguir achegando toda a solidariedade posible ás persoas que sofren as múltiples consecuencias dos ataques a diversas cidades ucraínas e o despregamento militar desencadeado polo goberno ruso no país.
O festival celebrarase o vindeiro sábado 9 de abril ás 20.00 horas no auditorio municipal do Rosal e contará coas actuacións do alumnado de Iniciación e Linguaxe Musical da agrupación, da Minibanda, da Banda Infantil, do Coro Infantil e da Coral.
As entradas terán un custe de 2 euros e estarán á venda pola porta lateral do auditorio municipal. Ademais, todas as persoas interesadas en colaborar pero que non poida asistir ao concerto poderán mercar a súa entrada Fila 0 ou facer doazóns no seguinte número de conta:
ABANCA ES34 2080 5439 3030 0011 1318
Todos os fondos recadados serán a beneficio da Cruz Vermella. Para máis información, as persoas interesadas poderán poñerse en contacto vía telefónica a través do 986 626 311 ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 609 866 792.
Ningún comentario:
Publicar un comentario