19 de abr. de 2022

O ROSAL

O Rosal descubre novas e novos poetas no certame de poesía Rosalía de Castro do CPI  Manuel Suárez Marquier

A alcaldesa entregou este martes os premios ao alumnado gañador  

 

A alcaldesa quixo dar persoalmente os seus parabéns non só ás e aos gañadores, senón a todo o alumnado
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal 

 Novas e novos poetas agroman nas aulas do CPI Manuel Suárez Marquier. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, entregou este martes os galardóns aos premiados no certame de poesía co que o centro conmemorou este ano o Día de Rosalía de Castro en colaboración co Concello do Rosal. “Os resultados da participación déixanos ver que temos un gran potencial entre os nosos nenos e nenas e entre a nosa mocidade. Foron capaces de sorprendernos coas súas creacións, poemas actuais adaptados aos diferentes temas que Rosalía tratou na súa obra”, explica a rexedora.  

 Na categoría 1, para alumnado de primeiro e segundo ciclo de educación primaria, o xurado decidiu outorgar un premio colectivo á clase de 1º de Primaria, mentres que a estudante Lea Lomba Alonso, de 4º de Primaria fíxose co accésit. Na categoría 2, para estudantes de terceiro ciclo de educación primaria e 1º e 2º da ESO, a gañadora foi Noa Carabelos Álvarez, da clase de 6ºB. O accésit desta categoría foi para Saray Álvarez Coimbra, de 5º B de primaria. 

 As obras debían ser inéditas e seguir a estrutura da poesía de Rosalía: unha linguaxe sinxela, versos curtos e glosa ou cantar popular que aparece ao principio da composición e a partir da que se elabora o poema. Como os poemas da autora, os traballos presentados debían centrarse na paisaxe galega, no amor, na emigración, na soidade, no costumismo, no machismo na sociedade ou na ironía ou o humor para tratar eses mesmos temas. 

 A alcaldesa quixo dar os seus parabéns non só ás e aos gañadores, senón a todo o alumnado “por participar no certame e render a súa propia homenaxe a unha autora que é peza fundamental da literatura galega”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario