Rosaleiros e rosaleiras implícanse para conmemorar o Día do Libro
Durante toda a semana as redes sociais do Concello publicarán vídeos con recomendacións lectoras feitas polo Club de Lectura ou a libraría, historias lidas pola veciñanza ou un vídeo de presentación da Biblioteca
O xoves 20 tamén se fará entrega dos premios ao bo lector nas categorías de infantil, xuvenil e adulto
Infogauda / O Rosal
O Rosal continúa conmemorando o mes do libro con novas actividades e coa implicación dos rosaleiros e rosaleiras, que serán protagonistas dunha programación especial “coa que convidar a toda a veciñanza a gozar da literatura, da cultura e do lecer para toda a familia, ao tempo que fomentamos o hábito de lectura a calquera idade”, como sinala a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Durante toda esta semana, as redes sociais do Concello irán publicando contido variado relacionado coa literatura. Así, membros do Club de Lectura da Mata farán as súas propias recomendacións lectoras dun xeito audiovisual único para animar a rosaleiros e rosaleiras a mergullarse na lectura de distintas obras. Ademais, a veciñanza tamén participará na lectura dramatizada de distintos contos, poñéndose diante da cámara e dando voz a historias dirixidas a nenos e nenas.
A programación complementarase cun vídeo promocional da biblioteca municipal do Rosal e con outro da libraría co que poder coñecer as últimas novidades lectoras do mercado. Ademais, este mesmo xoves 20 de abril, a rexedora fará entrega dos premios ao bo lector na categoría de infantil, xuvenil e adulto, que recoñece a todos aqueles usuarios e usuarias que máis libros leron durante o último ano.
Dende o Concello quérese agradecer a colaboración desinteresada de todas as persoas que participan neste proxecto e anima a toda a veciñanza a gozar destas iniciativas culturais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario