18 de abr. de 2022

A GUARDA

O OMIX de A Guarda quere escoitar o que ten que dicir a xuventude da vila sobre o seu futuro  

Iníciase unha investigación sobre o futuro laboral e a perspectiva da mocidade 

Os resultados presentaranse na vindeira Feira de Emprego de outubro   





Infogauda / A Guarda

 A Oficina Municipal de Información Xuvenil  (OMIX) vén de comezar un proxecto de investigación sobre a visión de A Guarda dos mozos e mozas de entre 15 e 29 anos e as perspectivas de futuro laboral que ofrece a vila.   

 O elemento clave para o éxito da investigación será a participación activa da mocidade, que se canalizará a través dunha primeira fase de sondaxe masiva e a posterior creación dun foro participativo. A devandita enquisa estará dispoñible en formato electrónico ata o día 29 de abril na seguinte ligazón: 

https://es.surveymonkey.com/r/OMIX 

 Nela, búscase coñecer cales son os aspectos máis valorados neste segmento de idade á hora de escoller o seu futuro -ou actual- lugar de residencia, o desenvolvemento da súa carreira profesional e en que grao A Guarda pode satisfacer esas expectativas. 

 Para garantir as taxas de participación o máis altas posibles, realizaranse visitas aos centros educativos guardeses nos próximos días. Tamén se colocarán carteis con códigos QR en diferentes puntos de tránsito habitual da mocidade, coma as asociacións e clubs ou a propia OMIX.  

 O posterior foro participativo fará unha achega máis próxima á visión global da mocidade da vila a través de dinámicas participativas e actividades, que serán levadas a cabo por unha facilitadora experta na materia da empresa intheMOVE. A inscrición no evento, que se desenvolverá en dependencias do concello o 11 de maio, poderase realizar a través da citada enquisa.  

 Para rematar a investigación, cos datos obtidos de ambas fases elaborarase un vídeo resumo que será presentado na Feira de Emprego de outubro.  

Malos tempos para ser novo 

 Segundo os últimos datos publicados polo Instituto da Xuventude sobre o desemprego xuvenil, Galicia é unha das comunidades autónomas cunha taxa por debaixo da media estatal, que así e todo é dun 12% no pasado mes de febreiro. Este mesmo organismo, no seu último Informe Xuventude España publicado no 2021, recolle que a crise do Covid foi a última circunstancia en afectar negativamente á taxa de emancipación das mozas e mozos españois, aumentando a fenda con outros países da Unión Europea.   

 A xa acuñada “década perdida”, que leva ás costas os efectos a longo prazo da crise económica do 2008 e dunha pandemia, destaca a inestabilidade do mercado laboral como factor determinante á hora de considerar o seu futuro máis inmediato. Proximamente saberemos se a mocidade de A Guarda reflicte estas inquedanzas nesta investigación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario