26 de abr. de 2022

A GUARDA

A nova Escola Infantil da Xunta de Galicia recibe máis de 40 solicitudes de matrícula para o vindeiro curso  

Ultímase a posta en marcha desta infraestrutura coa próxima adxudicación do equipamento e a licitación da súa xestión


A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba, acompañados de membros da corporación municipal e técnicos, visitaron o pasado 15 de marzo esta nova escola

Foto: X.G.

Infogauda / A Guarda

 A nova escola infantil de A Guarda, pertencente á rede pública autonómica, recibiu un total de 43 solicitudes de matriculación para o vindeiro curso 2022-2023, o primeiro no que este centro entrará en servizo e tamén o primeiro no que a atención educativa será gratuíta para todos os nenos. O Consello escolar avaliará agora as peticións cursadas e, tras o proceso de reclamacións, o listado definitivo de admitidos publicarase o vindeiro 31 de maio.

 En paralelo, a Xunta de Galicia avanza nos trámites para a posta en marcha da escola no mes de setembro. Coas obras do inmoble completamente rematadas, nestes momentos está licitado e pendente de adxudicación tanto equipamento como a xestión do servizo. Nos traballos do novo centro investíronse 845.000 euros (incluído o equipamento); dos cales a Administración autonómica sufragou máis do 60% a través de fondos Feder, e o Concello achegou o resto.

 A escola, de 41 prazas de 0 a 3 anos repartidas en tres unidades, é un edificio novo de dúas plantas que substitúe a dous inmobles en desuso da década dos anos 60 do século pasado, os cales albergaban as vivendas para o profesorado e o comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde.

Aulas na planta baixa

 Na planta baixa emprázase a zona para deixar as cadeiras dos bebés; o despacho de dirección; as aulas; un espazo de usos múltiples; as áreas de hixiene (incluído un aseo adaptado); as zonas de descanso; a cociña e o patio de xogos. A planta primeira contén os usos auxiliares da escola: a sala de xuntas; oficina; vestiarios e almacén. 

 A construción e posta en funcionamento desta nova escola é froito do convenio de colaboración asinado en xuño de 2020 entre a Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e o Concello de A Guarda.

Ningún comentario:

Publicar un comentario