Correos presentou na vila de A Guarda o selo dedicado ao Monte Santa Trega
• Forma parte da serie filatélica Naturaleza, a amosa unha fermosa imaxe do poboado castrexo e unha das vivendas reconstruídas.
Vista parcial do salón de plenos, que estaba prácticamente cheo de respectable público que asistiu a este acto
Infogauda / A Guarda
Na tarde deste martes día 26 de abril de 2022, no Salón de Plenos do Concello de A Guarda, Correos presentou o selo dedicado ao Monte Santa Trega, da serie filatélica Naturaleza.
No acto participaron o alcalde de A Guarda, Antonio Lomba; a directora de Relacións Institucionais e Filatelia de Correos, Leire Díez; e a deputada provincial, Iria Lamas.
Asemade, asistiron membros de todos os grupos municipais representados na corporación municipal de A Guarda; o director da oficina de Correos de A Guarda; representantes da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FE.GA.SO.FI); filatélicos de Ourense, O Rosal, A Guarda,..., e unha representación dos colectivos sociais e da veciñanza da localidade, que amosaron moito interese polo selo presentado.
UN LABOR DE PRÁCTICAMENTE MEDIO SÉCULO
A instancias de diferentes xuntas directivas da Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.), que viñan traballando nese obxectivo, Correos puxo en circulación este selo tendo en consideración que o monte Santa Trega é todo un referente a nivel internacional, polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos.
Con esta emisión, Correos quere destacar que o Trega ofrece unha imaxe que queda gravada en todos os que a visitan.
De feito, o selo amosa unha das imaxes icónicas do poboado castrexo do Monte Santa Trega, incluindo nun primeiro plano unha das vivendas reconstruídas pola Sociedad Pro-Monte Santa Tecla, e ao fondo, unha das impresionantes vistas que se poden admirar dende ese privilexiado enclave, sendo un dos lugares máis visitados do noroeste peninsular.
Na súa intervención de acollida, o alcalde de A Guarda dixo: "(...) Quero tamén empezar agradecendo á Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa todo o traballo feito para conseguir a emisión do selo “Natureza. Monte de Santa Trega. A Guarda. Pontevedra” que é en definitiva o motivo que hoxe nos reúne aquí.
Foi para min unha alegría o anuncio da emisión deste selo. Como moitos lembrades, este anuncio produciuse durante o acto do nomeamento de Eliseo Alonso como fillo adoptivo de A Guarda. Unha homenaxe no que a Sociedade Filatélica tamén colaborara intensamente e no que non faltou o selo conmemorativo.
Sabemos da transcendencia que ten a emisión dun selo coa imaxe do noso poboado castrexo. Sabemos do poder da imaxe porque somos desde antigo un foco turístico de primeira orde. Desde que, precisamente, utilizando o monte Santa Trega como marca, aqueles visionarios da Sociedad Pro-Monte Santa Tecla puxeron á nosa localidade no mapa turístico, tanto nacional como internacional, sobre todo en hispanoamérica.
A emisión do selo tamén ten unha especial transcendencia na Guarda pola súa actividade filatélica, que se mantén desde hai máis de 50 anos pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa. Os verdadeiros artífices, como xa comentei antes, da edición do selo; despois de tentar esta emisión, practicamente desde que deron os seus primeiros pasos como asociación.
Hoxe é pois, un día grande para nós. Estamos aquí para compartir a presentación do selo “Natureza. Monte de Santa Trega. A Guarda. Pontevedra”. Correos emitirá 135.000 exemplares deste fermoso selo, creado a partir dunha fotografía de Marta Verde, que representa non só á Guarda, sinó a toda Galicia, por ser Santa Trega e o seu poboado castrexo un dos símbolos máis reconocibles e visitados da nosa querida terra.
Correos fai unha aposta segura con este selo polo que representa A Guarda e o Monte Santa Trega, segundo visitantes, turistas, peregrinos, arqueólogos, paisaxistas e prensa especializada, entre outros, sen esquecer ao alcalde. O que nos contan de nosa propia vila é que A Guarda é un dos pobos pesqueiros máis bonitos de Galicia, na desembocadura do Miño. Repleto de puntos de interese, entre os que destaca o monte Santa Trega polos seus valores arqueolóxicos, relixiosos e paisaxísticos, cos seus numerosos miradoiros, o poboado castrexo, un dos máis grandes do noroeste peninsular, declarado BIC en 1931, un Via Crucis monumental e a ermida de Santa Trega. Un tesouro para veciños e visitantes.
Para terminar, grazas a todos e todas por estar aquí compartindo connosco estes momentos e grazas sobre todo os que fixestes posible chegar ata aquí".
Pola súa banda, a directora de Relacións Institucionais e Filatelia de Correos, Leire Díez, referiu o apoio de Correos a todas as sociedades filatélicas de España, porque son elas as que motivan emisións de selos como o adicado ao Monte Santa Trega, contribuindo a espallar á beleza do noso país, que é, a fin de contas o que motiva a moitas persoas a visitarnos.
A deputada provincial, Iria Lamas afirmou que para a Deputación de Pontevedra este tipo de eventos merecen todo o apoio da institución provincial, motivo polo cal trasladou seus parabéns aos filatélicos guardeses por ese logro.
Logo das diferentes intervencións tuvo lugar oficialmente a posta en circulación do selo e o cuño conmemorativo - que representa a vivenda castrexa reconstruída do sector Calvo -, na que participaron as persoas antes citadas, así como Marcelino Portela Lorenzo e Marta Verde Rodríguez, en representación da S.F.N.G..
O MONTE SANTA TREGA NA PÁXINA WEB DE CORREOS
Baseándose nos datos aportados pola Sociedade Filatélica e Numismática Guardesa (S.F.N.G.), entidade que desde o ano 1965 viña solicitando a emisión dun selo adicado ao Monte Santa Trega; na páxina web de Correos, figura - en castelán - a seguinte información:
HISTORIA
"Monte Santa Trega, desembocadura do Miño e costa marítima definen tanto A Guarda como territorio e como destino ao sur de Pontevedra e en fronteira con Portugal.
O Monte Santa Trega é un referente polos seus valores patrimoniais, relixiosos e paisaxísticos. Non podemos esquecer que este monte é un excelente miradoiro á desembocadura do Miño, imaxe que queda gravada en todo aquel que o visita.
Antes da visita ao Museo Arqueolóxico, na cima, recoméndase comezar a visita ao Castro de Santa Trega. Este castro considérase unha citania pola súa extensión, supera as 20 hectáreas, e estivo habitado por máis de 4.000 persoas o que implica unha importante urbanización do espazo. Actualmente está ao descuberto menos do 20% do castro e a parte mellor conservada localízase na estrada de acceso á cima.
A uns 500 metros do castro, localízase a Casa Forestal, alí pódese estacionar o coche e comezar a visita a pé ao xacemento arqueolóxico. Desde este aparcamento ofrécese unha panorámica completa da zona escavada, sendo máis sinxelo entender a organización das construcións contorna a patios, as rúas estreitas e a muralla.
Ademais, desde a casa forestal pódese contemplar o barrio de Mergelina, zona sur do castro recentemente escavado, e que parte un pequeno roteiro circular que facilita coñecer este xacemento.
Desde a Casa Forestal pódese continuar o ascenso a pé e seguindo o Vía Crucis chégase á Capela de Santa Trega. A poucos metros localízase o Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT) que conserva os vestixios atopados ao longo as escavacións como moedas ou diversos obxectos líticos e cerámicos. Está aberto de martes a domingo de 10.00 a 20.00 horas.
Aqueles que lles guste camiñar dispoñen do roteiro PR-G 122 Camiños do Trega. Esta rede de carreiros enlazados e de dificultade baixa permite gozar das vistas e do patrimonio o Monte Santa Trega.
Por último, destacar un atardecer desde o Monte Santa Trega ou calquera punto da costa, son de postal. O selo recolle un primeiro plano dunha das construcións do castro e de fondo as vistas que se poden admirar desde o monte".
Características do selo:
• Data de emisión: 21/04/2022.
• Soporte: Estucado, engomado, fosforescente.
• Impresión: Offset.
• Tamaño: 74,6 x 28,8 mm.
• Efectos en pliego: 15 selos.
• Valor postal: 2’70 euros.
• Tirada: 135.000.
Ningún comentario:
Publicar un comentario