Recta final de inscricións para a II Carreira solidaria e inclusiva Revirando
• A carreira conta xa co seu propio “himno”, unha canción moi emotiva realizada por Tincho Fernán
• As inscricións continúan abertas ata o mércores día 4 de maio
Infogauda / A Guarda
O domingo día 8 de maio A Guarda acollerá a segunda edición da carreira solidaria e inclusiva Revirando, organizada polo Colexio PP. Somascos e o Centro San Xerome Emiliani.
"Trátase dunha proba solidaria non competitiva, que ten por obxectivo a convivencia festiva nun evento inclusivo onde coincidirán nenos/as e adultos. É a culminación ou produto final dun proxecto educativo en que o alumnado aborda a organización da mesma sempre desde un prisma de sensibilidade cara a discapacidade e complementado con outras actividades integradoras e solidarias en liña de meta", indican dende á organización.
A proba celebrarase o domingo día 8 de maio a partires das 10:30h con dous percorridos: na modalidade 1 con 3.800m e a modo carreira ou andaina, e na modalidade 2 con 1.000m a modo carreira ou andaina, con saída e meta na Alameda de A Guarda.
A cota de inscrición é de 7€ para adultos e de 3€ para menores de 16 anos, establecendo tamén a Fila 0 para as persoas que non estean interesadas na participación activa na carreira pero que si queiran contribuír a que Revirando poida seguir loitando polos seus obxectivos. Tamén é posible realizar na propia plataforma de inscrición un donativo que deberá ser feito por transferencia e non por pago por tarxeta, e que será doado a Asociación DisCamino.
As inscricións continúan abertas ata o mércores día 4 de maio, na seguinte ligazón:
https://inscriu.me/es/revirando-a-guarda-ii-0
No caso de chegar a 1.000 inscritos pecharase a inscrición antes da data sinalada.
Máis actividades na Alameda
Haberá un campo de baloncesto no que o equipo Iberconsa AMFIV, campión de Europa en cadeira de rodas, ensinará a toda a xente que o desexe os segredos desta modalidade. Poderán participar activamente todas as persoas que o desexen.
Contarase tamén un patio dinámico. Trátase dun espazo inclusivo onde os nenos/as asistentes poderán xogar nun modelo de xogos tradicionais que veñen facendo os dous colexios na súa alianza en materia de inclusión.
Realizaranse ademais partidas simultáneas de xadrez e contarase co concerto do grupo “Uxía Lambona e a Banda Molona”.
Ao remate farase entrega dos premios Revirando a organizacións ou persoas que contribúan en materia de inclusión ou discapacidade e como colofón do evento terá lugar un sorteo con múltiples agasallos.
Canción da carreira Revirando
A carreira conta xa co seu propio “himno”, unha canción moi emotiva realizada por Tincho Fernán e na que se misturan diferentes verbas do que os propios rapaces pensan que significa “Revirando” para eles. Colaboraron nesta canción Ticho Fernán (banda sonora), Nuria González (voz), Suso Feixón (batería e percursión), Pedro Feijoo (baixo e producción) e o alumnado do centro educativo PP. Somascos cos coros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario