29 de abr. de 2022

O ROSAL

A activista feminista Amelia Tiganus comparte a súa experiencia co alumnado rosaleiro   

A actividade está enmarcada nos obradoiros de afectividade e sexualidade impartidos cada ano no CPI Manuel Suárez Marquier


A alcaldesa e membros do equipo de goberno municipal recibiron na Casa do Concello a Amelia Tiganus e profesoras do CPI Manuel Suárez Marquier
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal continúa organizando actividades ao abeiro dos obradoiros de afectividade e sexualidade que cada ano se imparten ao alumnado de Secundaria do CPI Manuel Suárez Marquier, no que traballan conceptos como autoestima, estereotipos de xénero, sentimentos, relacións de parella ou presión de grupo de cara a fomentar o bo trato e previr a violencia de xénero entre a mocidade.


Amelia Tiganus xunto cunha profesora do CPI Manuel Suárez Marquier, momentos antes de dar comezo á charla, dirixida ao alumnado do centro


 Onte xoves, os rapaces e rapazas de 3º da ESO do CPI recibiron a visita da activista feminista e escritora romanesa Amelia Tiganus, unha sobrevivente do comercio de mulleres e referente do movemento feminista en España, onde vive na actualidade. Tiganus compartiu nunha charla a súa historia persoal e animounos a reflexionar sobre a explotación sexual das mulleres. A activista tamén participou na radio escolar, onde foi entrevistada por alumnado do centro.


Amelia Tiganus - a esq- da imaxe - nunha entrevista para a radio escolar do CPI Manul Suárez Marquier

 “Para nós é un orgullo contar coa presenza dunha figura como a de Amelia Tiganus, que achegou aos nosos rapaces e rapazas a unha realidade dura dun xeito próximo e educativo coa que sensibilizalas e sensibilizalos sobre a igualdade real dende outro punto de vista”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

 Nada e crecida en Romanía, aos 13 anos Tiganus foi violada en grupo e, a partir dese momento, “convertinme nunha muller desbotable, que é o destino de moitas mulleres que sofren a violencia sexual. Todo cambiou porque, a partir dese momento da miña vida, convertinme nunha adolescente moi vulnerable, cousa que os proxenetas souberon aproveitar”, comenta a propia activista.

 Autora de varias obras e formadora, das súas aparicións nos medios de comunicación destaca a súa intervención nunha reportaxe de Salvados titulada ‘As invisibles’, un programa no que foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole, ou unha intervención no programa da Cadena Ser ‘Hora 25’ dirixido por Aimar Bretos. Militante de EHMA, o Movemento Abolicionista do País Vasco, no ano 2021 foi unha das fundadoras da asociación Emargi, dedicada a loitar de xeito integral por un futuro libre de explotación sexual e reprodutiva de mulleres e nenas dende a súa dimensión local, nacional e internacional.

Ningún comentario:

Publicar un comentario