21 de mar. de 2022

TOMIÑO

A Xunta de Galicia leva ao IES Alonso Ríos de Tomiño a campaña formativa sobre o uso seguro do tractor  

Trátase de formar aos profesionais do futuro no uso seguro destes vehículos


O alumnado deste centro participou na actividade que desenvolve o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) co título ‘A túa vida, sen voltas’
Foto: X.G.


Infogauda / Tomiño

 A Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), está a desenvolver actividades formativas en centros de Formación Profesional das catro provincias para concienciar sobre o uso seguro do tractor. Hoxe foi o turno do IES Alonso Ríos de Tomiño ata onde se desprazaron os técnicos da Xunta para dar a coñecer as principais medidas de prevención e trasladar a necesidade de adoitar as precaucións necesarias.

 A campaña parte da idea de sensibilizar desde a base, aos futuros profesionais das explotacións, sobre a necesidade de facer un uso seguro desta maquinaria e provela de estruturas de protección e cintos de seguridade.

 Segundo datos do Observatorio Estatal de Condicións de Traballo (OECT) do Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) o principal axente material asociado aos accidentes en xornada laboral na actividade agrícola e gandeira é o tractor. O envorco é unha das causas que poden desembocar nas consecuencias máis graves e mesmo mortais se non se toman as medidas apropiadas de seguridade.

 Durante o ano pasado (datos provisionais) rexistráronse en Galicia 82 accidentes laborais de tractor, 2 deles mortais e a maioría, o 90% de tipo leve. Na provincia de Pontevedra anotouse un deses sinistros mortais, dun total de 11, dos que 9 foron leves e outro grave.

 Os accidentes de maior gravidade débense principalmente a ausencia de estrutura de protección e de cinto de seguridade. Tamén a unha nula ou mala utilización destes sistemas dos que veñen provistos os tractores.

 O Plan nacional de sensibilización en prevención de riscos laborais no sector agrario, no que se enmarca esta campaña, pretende concienciar sobre o envorco do tractor co lema A túa vida, sen voltas. O Issga contribuíu ao seu deseño como integrante do grupo de traballo da Comisión Nacional que elaborou o plan.

 A iniciativa súmase ás numerosas campañas despregadas polo Issga nos últimos anos para concienciar, sobre todo á poboación rural, tamén á non profesional, para que incorpore as medidas de prevención no manexo do tractor para evitar accidentes na súa contorna e de circulación nas vías públicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario