24 de mar. de 2022

TOMIÑO

Os tomiñeses Lara Villaverde e Diego de Braelle estrean os domingos de sesión vermú no Mercado  

Será este 27 de marzo a partir das 12.30 horas, no que o público poderá desfrutar de tomar algo mentres escoita música en directo   

É unha das actividades de ‘Vive!’, a campaña posta en marcha polo Concello de Tomiño para reactivar a actividade económica e social do municipio 




Infogauda / Tomiño

 Tomiño estrea esta fin de semana os seus domingos de sesión vermú, unha das accións programadas dentro de ‘Vive!’, unha campaña posta en marcha polo Concello durante os meses de marzo, abril e maio para reactivar a actividade económica e social do municipio.

 Este domingo 27 o público poderá desfrutar dun rato de boa música a cargo dos tomiñeses Lara Villaverde e Diego de Braelle e do bo ambiente mentres toma algo no primeiro andar do Mercado Municipal de Tomiño. A música en directo comezará a partir das 12.30 horas e a actividade será de balde ata completar aforo.

 O obxectivo “é conseguir que todas as fins de semana sexan animadas en Tomiño, que a veciñanza volva á rúa e goce de todo o que ofrecen os nosos mercados municipais e o noso comercio local”, sinala a alcaldesa, Sandra González.

Ningún comentario:

Publicar un comentario