2 de mar. de 2022

TOMIÑO

“LEIRA”, un espectáculo de danza e música sobre as labores do campo, chega a Tomiño este sábado  

Con música e voz de Rosa Cedrón en directo, o espectáculo terá lugar no Auditorio de Goián ás 21.00 horas  



 

Infogauda / Tomiño

 “LEIRA”, o exitoso espectáuclo de danza e música sobre as labores do campo, que esgota as entradas alá a onde vai, chegará este sábado (5 de marzo) a Tomiño. 

 O Auditorio de Goián recibirá a función, para todo público, ás 21.00 horas.  

 A peza, con música e voz en directo de Rosa Cedrón (1), recibiu o Premio da Cultura Galega en Artes Escénicas. 

 Ademais, tras ser finalista aos Premios Max como Mellor Espectáculo de Danza e obter o Premio Max ao Mellor Intérprete Masculino de Danza (Iván Villar), foi seleccionada para Danza a Escena 2022 e seguirá de xira durante todo este ano. 

 As entradas, serán postas á venta na taquilla do auditorio e terán un custe de 7 euros. 



 

Sinopse: O corpo e a terra estreitan lazos nun espectáuclo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica; día e noite, xornada tras xornada repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. O sol e a choiva, o vento xeado, crúas paisaxes á intemperie habitados unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os surcos arados na terra. Pero Leira é tamén a sinxela ledicia do traballo feito coas mans, coa valentía do corpo a corpo, a celebración dunha Galiza intemporal e máxica.  

 É unha proposta na que o corpo e a terra estréitanse, que fala da dureza do traballo no campo en Galicia pero tamén da implicación, o esforzo e a beleza que supón. Todo iso aderezado coa dulzura que aporta a voz e música en directo de Rosa Cedrón.  

(1) Rosa Cedrón en directo, cantante e intérprete de violonchelo, coñecida por ser a voz durante nove anos do grupo Luar na Lubre e colaborar en discos de músicos como Mike Oldfield. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario