O Concello de Oia abre o prazo de inscrición para unha nova edición do obradoiro de teatro
Desenvolverase no Centro Cultural de Pedornes en horario de 19.00 a 21.00 horas
Infogauda / Oia
O Concello de Oia vén de abrir o prazo de inscrición para unha nova convocatoria do obradoiro de teatro veciñal. Ao igual que aconteceu nas tres anteriores edicións desta iniciativa, as sesións serán impartidas por A Artística Teatro & Danza os venres en horario de tarde.
O obradoiro comezará o vindeiro 11 de marzo e consistirá nunha sesión semanal, cada venres, ata o 17 de xuño. Desenvolverase no Centro Cultural de Pedornes en horario de 19.00 a 21.00 horas.
As persoas interesadas en participar na actividade poden inscribirse no rexistro do Concello desde hoxe ata o mércores 9 de marzo. A actividade é gratuíta e as prazas son limitadas.
Éxito de anteriores edicións
Nas edicións de 2018 e 2019, o obradoiro teatral contou coa participación de arredor dunha trintena de veciñas e veciños de todas as idades, as cales traballaron na preparación de distintas pezas teatrais que foron representadas en senllas visitas dramatizadas polo barrio do Arrabal.
Tras un parón a causa da pandemia no ano 2020, o obradoiro retomouse en 2021 cun formato adaptado ás restricións pola COVID-19. Nesa terceira edición, o obradoiro desenvolveu unha visita dramatizada no interior do Mosteiro de Oia que contou coa participación especial de varias artistas convidadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario