Os barcos históricos do “Exploraterra” chegan hoxe a Baiona da man da Xunta e Fundación Nao Victoria
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na recepción da Nao Santa María e a carabela portuguesa Veracruz, que poderán visitarse de balde no porto deportivo do 2 ao 6 de marzo coincidindo coa Festa da Arribada
Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural, que inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital na Casa da Navegación de Baiona e unha exposición e un documental baseado na temática do proxecto
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou hoxe na recepción da Nao Santa María e a carabela portuguesa Veracruz
Foto: X.G.
Infogauda / Baiona
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, achegouse hoxe ata Baiona con motivo da chegada da xira de barcos históricos do proxecto europeo Exploraterra, que permanecerán na vila ata o vindeiro 6 de marzo. Trátase dunha iniciativa liderada pola Fundación Nao Victoria, financiada con Fondos Feder a través do programa Interreg V, que conta coa participación da Xunta de Galicia entre outras institucións, co obxectivo de por en valor e promover o coñecemento do patrimonio cultural e histórico asociado ás viaxes de descubrimento.
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia destacou a importancia de preservar, valorizar e promover o patrimonio cultural vencellado á era das grandes expedicións marítimas nas que Galicia ten un “importante protagonismo histórico”. E neste contexto, avogou por impulsar a súa divulgación como atractivo cultural e turístico. Turismo de Galicia participa nesta iniciativa cultural destinada a promover diferentes accións entre as que se inclúe a rehabilitación integral da carabela A Pinta, un novo espazo dixital con ferramentas TIC na Casa da Navegación e a elaboración dunha exposición itinerante e un documental baseado na temática do proxecto.
Visitas de balde
“Exploraterra inclúe un ambicioso programa cultural” que, dixo, “permítenos afondar nas grandes exploracións marítimas que cambiaron o curso da historia, e compartir unha herdanza común con algunhas das nosas rexións irmáns”. Fixo así un chamamento a aproveitar esta identidade conxunta desde o punto de vista histórico, cultural, xeográfico e etnográfico que hoxe representa este proxecto Exploraterra, convertido nun “atractivo excepcional polo seu gran potencial de aproveitamento cultural e turístico”, concluíu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario