11 de mar. de 2022

TOMIÑO

TOMIÑO ACOLLERÁ ‘A SEÑORA DE FORCADELA’, REPRESENTACIÓN TEATRAL SOBRE MEMORIA HISTÓRICA  

Baseada na vida da mestra Josefa García Segret, terá lugar este sábado 12 de marzo, ás 21:00 horas, no auditorio de Goián  

Entrada libre ata completar capacidade  


Na peza teatral ‘A señora de Forcadela’, a actriz Tero Rodríguez representa a mestra Josefa García Segret
Fotos: D.PO.

Infogauda / Tomiño

 A veciñanza de Tomiño poderá asistir mañá sábado a unha das actividades sobre memoria histórica que a Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por Vir’, está a levar pola provincia da man de concellos, asociacións e centros de ensino. O Auditorio de Goián acollerá a representación da peza teatral ‘A señora de Forcadela, que permitirá ás persoas asistentes achegarse dunha maneira diferente ás vivencias da represión e a ditadura.  


A actriz Tero Rodríguez e o actor Lucho Penabade, nun momento da representación da peza teatral

 ‘A señora de Forcadela’ é unha historia baseada na biografía da mestra Josefa García Segret, extensiva á doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36:  foi detida o 15 de agosto e na prisión de  Tui salvou a vida grazas á axuda dun médico forense e dun doutor que aseguraron que estaba embarazada. Foi xulgada en Vigo por rebelión e condenada a pena de morte que se lle  conmutou por cadea perpetua, e despois a 6 anos e un día.   

 En 1982, Josefa García Segret publicou un libro  autobiográfico titulado ‘Abajo las dictaduras’, editado por ela mesma, grazas ao que a día de hoxe se coñecen as súas vivencias. No libro explícase a vida dunha reclusa dunha maneira moi directa. Aínda que terminou a obra en 1976, a súa publicación —“polas circunstancias do momento”— tivo que agardar a 1982, catro anos antes da súa morte.  

 A peza teatral será representada ás 21 horas pola compañía teatral ‘Os Quinquilláns’, contando no elenco con Tero Rodríguez e Lucho Penabade. A entrada é libre ata completar capacidade.  

 Ademais desta actividade, o Concello de Tomiño tamén recibirá outra importante representación sobre memoria histórica grazas ao departamento provincial encabezado por María Ortega. O vindeiro 28 de maio, tamén no Auditorio de Goián, representarase a peza ‘Miss Docet’ a cargo de Compañía Eléctrica. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario