Os Socialistas de Oia esixen a Portos de Galicia que repare de xeito urxente o pantalán do ferri na Pasaxe
• Da súa reparación depende o funcionamento do transbordador entre Caminha e A Guarda, que era o principal medio de transporte que da continuidade ao Camiño Portugués da Costa co paso de peregrinos polo Esteiro do Miño
• Tamén solicitan unha mellora na sinalética no seu trazado por Oia.
Infogauda / Oia
Os Socialistas de Oia veñen de presentar por rexistro de entrada do Concello de Oia unha moción para tratar no vindeiro pleno municipal na que se explica "a problemática existente para dar continuidade ao Camiño Portugués da Costa no Esteiro do Miño. O pantalán de atraque do ferri que comunica A Guarda e Caminha atópase deteriorado e imposibilita o seu correcto funcionamento dende o ano pasado".
É por este motivo que os Socialistas de Oia esixen "a Portos de Galicia unha reparación de carácter urxente desta infraestrutura dependente deste ente autonómico".
Dende a Agrupación do PSde-PSOE de Oia "non se comprende como en pleno Ano Xacobeo, e sendo o Concello de Oia unha das etapas principais do Camiño Portugués da Costa, e que achega ao concello uns ingresos económicos estimados en medio millón de euros anuais, converténdoo nun dos principais motores económicos da localidade, atopámonos en que o ferri que une A Guarda e Caminha non está operativo. Esta situación ocasiona problemas aos peregrinos á hora de cruzar o Río Miño, optando moitos por cambiar a súa ruta cara a Valença do Minho ou Vila Nova de Cerveira, prexudicando ao Concello de Oia".
Do mesmo xeito os Socialistas de Oia tamén piden na devandita moción "unha mellora na sinalética existente no trazado do Camiño Portugués da Costa ao seu paso polo núcleo urbano do municipio, favorecendo que os peregrinos poidan aprovisionarse de víveres, acudir á farmacia ou outros servizos de empresas locais".
Ningún comentario:
Publicar un comentario