Abril será o mes do libro no Rosal
O Concello preparou unha programación especial que incluirá vídeos, premios e recomendacións lectoras, pero tamén contacontos, música, teatro, presentacións, cine ou danza
Infogauda / O Rosal
Abril será o mes do
libro no Rosal. O Concello ten xa preparada unha programación especial coa que
convidar a toda a veciñanza a conmemorar o Día do Libro e a gozar da
literatura, da cultura e do lecer para toda a familia. A alcaldesa, Ánxela
Fernández Callís, destaca que este mes poderase desfrutar dunha ampla axenda
“coa que seguir enchendo o noso concello dunha programación diversa, na que
todas as persoas poderán atopar actividades coas que pasar un bo rato, nesta
ocasión coa literatura como gran protagonista”.
As
actividades comezarán este mesmo venres 1 de abril na Biblioteca municipal co contacontos do libro de
Francisco Álvarez, Koki, de ‘Olivia e o clarinete máxico’ (17.00 h), un
evento dirixido a público infantil no que colabora a Escola de Música da Agrupación
Musical do Rosal. A programación continuará o mesmo sábado 2 no
auditorio municipal a partir das 19.30 horas coas audicións do alumnado da
propia Escola de Música. O domingo 3 de abril a actividade volve de novo ao auditorio con ‘O
porco de pé’, de Producións Teatrais Excéntricas, unha obra teatral para
público adulto da que se poderá desfrutar a partir das 19.30 horas.
A
vindeira semana a programación cultural continuará o xoves 7 na biblioteca municipal coa
presentación do libro ‘Versiones de mi que desconozco’, de Vanesa Rodríguez ás
19.00 horas. O sábado
9 a Agrupación Musical do Rosal
volve ser a protagonista co seu Festival de Primavera para público familiar ás
20.00 horas no auditorio. O 10 de abril
será domingo de sesión de cine e risas con ‘A herdanza’, a película do Grupo
San Roquiño, unha actividade para todos os públicos ás 19.30 horas no auditorio
municipal.
O domingo 17 a veciñanza poderá gozar do
teatro, a danza e a música para público adulto con ‘Lara Hierro’, da compañía
de Constance Hurlé no auditorio (19.30 h) e o venres 29 coa
presentación do libro de poemas ‘Círculos concéntricos’ de Iria Supertramp, na Biblioteca
municipal ás 19.00 horas.
Xunto
con toda esta programación cultural, O Rosal contará este mes de abril con
moitas actividades centradas na literatura na que os rosaleiros e rosaleiras
serán os protagonistas. Así, durante este mes realizaranse e publicaranse
vídeos do alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier lendo un conto, dun vídeo
promocional da biblioteca municipal, doutro da libraría co que poder coñecer as
últimas novidades lectoras, pezas con recomentacións de libros feitas polas
persoas que participan no Club de Lectura ou vídeos da veciñanza lendo unha
pequena historia.
Ademais, o Concello colaborará co CRA María Zambrano na edición de marcapáxinas feitos polos nenos e nenas cun código QR que leva información relacionada con diferentes libros. E, como é habitual, co gallo da conmemoración do Día Internacional do Libro a biblioteca entregará os premios ao bo lector nas categorías de infantil, xuvenil e adulto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario