30 de mar. de 2022

A GUARDA

Arranca o plan de formación impulsado por Orpagu e o Concello de A Guarda  

Os participantes nestes cursos de formación gratuítos entrarán a formar parte dunha bolsa de traballo, da que se nutrirá a organización para os empregos que xere a súa planta de Tui


Momento no que o alcalde do concello de A Guarda diríxese as persoas que van participar nos cursos 
Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na xornada deste mércores día 30 de marzo de 2022 o alcalde do concello de A Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Formación, Fátima Rodríguez Marcos, deron a benvida na sede de Orpagu xunto coa súa xerente, Juana Mª Parada Guinaldo e profesorado, ao primeiro grupo de alumnos e alumnas que participarán na formación dun plan que refrenda o compromiso da Organización de Palangreros Guardeses coa súa localidade, promovendo a formación específica necesaria para xerar emprego estable e de calidade. 

 Antonio Lomba valora moi positivamente esta iniciativa de Orpagu, que ofrecerá oportunidades a quen poida acceder á formación, facendo especial fincapé en que é unha excelente oportunidade de inserción laboral para veciños da localidade. 

 Fátima Rodríguez animou aos asistentes e participantes nesta formación, para que aproveiten esta oportunidade de enriquecer coñecementos e formarse de cara a unha futura incorporación ao mercado laboral. 

 Juana Mª Parada agradeceu a colaboración amosada dende o comezo desta iniciativa por parte do concello de A Guarda, para que esta formación sexa hoxe unha realidade. 

 Os participantes nestes cursos de formación gratuítos entrarán a formar parte dunha bolsa de traballo, da que se nutrirá a organización para os empregos que xere a súa planta de Tui.  

 Fieis ao compromiso social adquirido coa súa localidade, a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) impulsou sete cursos dentro dun plan de formación específico aberto a todas e todos os guardeses para o que conta coa colaboración económica do Concello de A Guarda. Precisamente, a institución municipal guardesa empregará a Líña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para financiar este proxecto coa cantidade de 6.000 euros, “para que a poboación guardesa teña unha opción real de acceso ao emprego”, sinalan dende a alcaldía. 

 Unha aportación que dende a organización de palangreiros valoran de forma significativa ao tempo que destacan a inestimable colaboración do concello con esta iniciativa. Unha cooperación que, en palabras do presidente da organización, Joaquín Cadilla Castro, “foi exemplar dende o primeiro día”. 

 Os cursos de “Almacenaxe en frío”, “Manipulador de alimentos e APPCC”, “Carretilleiro”, “Prevención de riscos en cámaras frigoríficas”, “Seguridade Alimentaria e alérxenos”, “Limpeza e Desinfección” e “Boas prácticas de manipulación” desenrolaranse entre as 9:00 e as 14:00 horas e terán lugar, en diferentes datas, entre o 30 de marzo e o 20 de xuño. Todos os cursos serán impartidos na sede da Organización de Palangreiros de A Guarda - rúa Manuel Álvarez, 16 baixo -), agás o curso de carretilleiro, que impartirase en formato en liña a parte teórica e nas instalacións de Herrajes Martínez, a parte práctica. 

 As persoas que conclúan con éxito os cursos formarán parte da bolsa de traballo da que Orpagu nutrirase para conformar a plantilla da planta frigorífica que está construíndo en Tui. A planta estará plenamente operativa en 2022 e creará ao redor de 30 postos de traballo. Os inscritos nos cursos de formación que queden fora dos postos ofertados por Orpagu gozarán desa formación gratuíta, que lles permitirá acceder a empregos noutras empresas do sector, cuxa demanda de traballadores ten aumentado nos últimos anos. 

 Aínda que este plan formativo estivo aberto para todas as persoas interesadas, nos criterios de selección priorizouse que fosen naturais da Guarda, cumprindo desta forma cun dos preceptos da FEMP (Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) que apoia os proxectos que creen emprego e melloren a calidade de vida da poboación no litoral. 

A nova planta, infraestrutura necesaria para seguir crecendo 

 Cun investimento de seis millóns de euros, a planta e centro de I+D está emprazada no parque empresarial de Areas, cunha estratéxica situación polo seu acceso directo á A55 e á Vía de Alta Capacidade CG-42 Tui-A Guarda. 

 A nave albergará un almacén frigorífico con capacidade para 3.000 toneladas de pescado e unha aula de experimentación para traballar en novos produtos e formatos coa intención de chegar ao maior número de consumidores posible. 

 Este proxecto da Organización de Palangreros Guardeses ten coincidido no tempo con seu 25 aniversario e dado o seu custe e obxectivos conta con financiación europea e do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación.

Ningún comentario:

Publicar un comentario