25 de mar. de 2022

O BAIXO MIÑO

A Xunta de Galicia inicia o programa integrado de emprego 'Agroemprega' nos concellos de Tomiño e O Rosal cun investimento de 184.000€  

O delegado territorial, Luis López, acompañado polas alcaldesas Sandra González e Ánxela Fernández, asistiu no auditorio de Goián ao acto de inauguración oficial desta iniciativa laboral, que mellorará a empregabilidade dun cento de persoas

Este programa, que se desenvolverá ata decembro cun obxectivo de inserción do 35%, pretende impulsar a colocación no sector agrario, con especial interese en adegas, viveiros, explotacións frutícolas e hortícolas e comunidades de montes  

“Con esta nova iniciativa, que se estrea no Baixo Miño, máis os tres obradoiros de emprego e os 23 cursos AFD, estamos a formar e mellorar a empregabilidade de máis de 500 persoas do sur da provincia cun investimento de case 2,4 M€”, destacou o representante autonómico


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta tarde no auditorio de Goián, acompañado polas alcaldesas de Tomiño, Sandra González, e do Rosal, Ánxela Fernández, ao acto de inauguración oficial desta iniciativa laboral, que se estrea na bisbarra do Baixo Miño 

Foto: X.G.

Infogauda / Goián (Tomiño)

 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego e Igualdade, vén de iniciar as actividades formativas e de inserción do Programa Integrado de Emprego (PIE) Agroemprega: Construíndo Futuro a través do Agro, concedido aos concellos de Tomiño e O Rosal cun investimento de 184.000 euros.

 O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, asistiu esta tarde no auditorio de Goián, acompañado polas alcaldesas de Tomiño, Sandra González, e do Rosal, Ánxela Fernández, ao acto de inauguración oficial desta iniciativa laboral, que se estrea na bisbarra do Baixo Miño e que mellorará a empregabilidade e promoverá a inserción dun cento de persoas desempregadas destes municipios e doutros limítrofes como Tui, A Guarda, Oia, Baiona e Gondomar.

 Este programa desenvolverase ata mediados do vindeiro mes de decembro e ten como obxectivo a inserción laboral do 35% dos seus participantes, entre os que figuran mulleres (45), persoas maiores de 45 anos (20), perceptores de rendas de inserción (20) e parados de longa duración (15).

 “Dende a Xunta de Galicia temos un compromiso absoluto co emprego e cremos que a formación e as políticas activas son fundamentais para que todo o mundo teña a súa oportunidade no mercado laboral e por iso estreamos este programa integrado en Tomiño e O Rosal, que ademais está orientado ao sector agrario, principalmente no ramo da horta, cun gran potencial económico e profesional nesta bisbarra”, manifestou o representante autonómico.

 Luis López tamén lembrou que, con esta nova iniciativa laboral xa en marcha, “estamos a formar e mellorar a empregabilidade de máis de 500 persoas no sur da provincia cun investimento de case 2,4 millóns de euros que tamén abrangue os tres obradoiros de emprego de Tui, A Guarda e Ponteareas e 23 cursos AFD de formación para desempregados con entidades especializadas”.

Contido do programa
 Este PIE vai manter a estrutura de funcionamento deste formato laboral deseñado pola Xunta, pero vaise orientar principalmente á colocación no sector agrario, con especial interese en adegas, viveiros de planta ornamental e de flor cortada, explotacións frutícolas e de produtos da horta e comunidades de montes veciñais, que son os principais ámbitos de emprego no Baixo Miño.

 Para iso, desenvolveranse accións en función das necesidades formativas das empresas agrarias da zona e dos perfís profesionais dos cen seleccionados, xa que o obxectivo primordial do PIE é a inserción, polo que as mesmas terán en conta as campañas de actividade das firmas colaboradoras para intercalalas coa formación restante.

 Así, celebraranse sesións de información, orientación e asesoramento grupal e individualizado, técnicas de coaching e motivación, habilidades sociais e obradoiros de entrevistas, fomento da capacidade emprendedora, prospeccións empresariais, emparellamento de ofertas de traballo e obradoiros de mobilidade laboral.

 Esta parte máis teórica mesturarase con prácticas profesionais, que incluirán xardinaría, manexo de abonos, técnicas de rega e poda, uso de maquinaria, cultivos e sementeiras, produción de plantas, froitas e hortalizas, transporte de froitas, uso de fitosanitarios, prevención de riscos e emprego de carretillas, así como outras cuestións complementarias como alfabetización informática, inglés básico, portugués básico e igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario