"Palabras como corpos prata", de Joaquín Cadilla Castro
A presentación do libro será na Casa dos Alonso, o sábado día 30 de abril, ás 18:00 horas
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Moito se ten escrito xa sobre "Palabras como corpos prata", de Joaquín Cadilla Castro, ainda que ese libro, polo de agora, está inédito para moitísimas persoas.
En todo caso, coa colaboración do Concello de A Guarda, a presentación de "Palabras como corpos prata" terá lugar o sábado día 30 de abril, ás 18:00 horas, na Casa dos Alonso (Praza do Reló, nº 1), de A Guarda.
A entrada é libre ata completar aforo.
Para asistir recoméndase a inscrición previa enviando un correo ao seguinte enderezo: centrocultural@aguarda.es
Terase en conta o protocolo Covid-19 que esté vixente nesa data.
Coa publicación de "Palabras como corpos prata", libro editado por OR.PA.GU. con motivo da conmemoración do XXV aniversario da Organización de Palangreiros Guardeses, moitas persoas poderán achegarse á persoalísima faceta lírica de Joaquín Cadilla e descubrir todo o potencial creativo que lle bule no peito.
Joaquín, fillo de María Castro e de Joaquín Cadilla, leva o mar no seu ADN. É unha persoa moi coñecida na nosa localidade e en moitos foros pesqueiros, por ser, precisamente a pesca marítima súa actividade cotiá. Dese xeito, contribúe a dar continuidade a tradición familiar que provén de varias xeracións que se remontan a moitos anos atrás.
Ademais Joaquín Cadilla é un home activo, emprendedor,..., como ten acreditado en numerosas ocasións, e vén aportando súa achega persoal tanto en OR.PA.GU. como na Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro. E agora, dentro dunhas semanas, imos ter oportunidade de coñecer e desfrutar coa súa producción poética que dalgún xeito entronca coa obra de Feliciano Rolán Vicente e coa do rianxeiro Manuel Antonio Pérez Sánchez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario