2 de mar. de 2022

A GUARDA

O Concello de A Guarda vai conmemorar o 8M 

Co programa de actividades “Semente de Igualdade” 




Infogauda / A Guarda 

 Para conmemorar o Día Internacional da Muller, o Concello de A Guarda programou este ano diversas actividades tituladas xenéricamente “Semente de Igualdade”, unha campaña na que inclúen as accións polo 8M,  con teatro, actividades educativas nos centros escolares do municipio, unha sala de escape, charlas, entre outras. 


Mónica Sueiro

 As actividades arrancan o día 8 de marzo ás 12:30h no Auditorio de San Bieito, onde terá lugar a lectura dun manifesto acompañado da representación teatral “Subterránea”, da actriz  Mónica Sueiro. 

 “Subterránea” é unha acción escénica que reivindica e visibiliza a figura de moitas artistas da pintura que foron silenciadas ao longo da historia. Aínda que algunhas conseguiron acadar o recoñecemento da época, tras sortear moitos obstáculos para destacar nun mundo reservado aos homes, remataron no obstracismo e afastadas dos manuais de historia da arte. Para a maioría son unhas descoñecidas. Levan demasiado tempo habitando en territorio invisible. Subterránea é unha metáfora das mulleres que collen forzas para reafirmarse, que non renuncian a si mesmas e pelexan por saír á luz. 

 A fachada da Casa do Concello será iluminada de cor morada e colocarase unha pancarta conmemorativa polo Día Internacional da Muller. 

 O día 10 de marzo no IES A Sangriña coa intención de darlle continuidade á colaboración que se iniciou o ano pasado co Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Hostalaría e Turismo Carlos Oroza, de Pontevedra, coa actividade que levou por título "Mulleres Galegas. Donas de seu", dirixida ao alumnado de 1º de Bacharelato do IES A Sangriña. 

 Este ano 2022, o alumnado do ciclo Superior de Guías, Información e Asistencia Turística, coordinados pola súa profesora Tina Otero, queren compartir co alumnado de 2º de Bacharelato da especialidade de Arte e Humanidades, do IES A Sangriña, a actividade que leva por título "Arte para todas e con todas". 

 Esta actividade consiste en convidalas/os a viaxar por museos de todo o mundo da man de obras de arte (escultura e pintura) cunha narrativa feminina.  




 Para a xornada do venres día 11  de marzo ás 20:00h, no Centro Cultural, está prevista a proxección  do filme María Solinha, coa presenza do director Ignacio Vilar.  A fita é unha reconstrución da historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista sofre, no século XXI, os ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII. A película fala da intolerancia e da violencia do mundo patriarcal, da represión da carne e da mente. 


"Tabú"

 Continuando coas actividades propostas este ano o venres día 18 de marzo ás 20:30 h, o Centro Cultural de A Guarda acollerá a representación teatral da obra "Tabú", da Compañía Tarabela Creativa. "Tabú" é o espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Val Miñor, o Morrazo, O Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e O Couto Mixto, sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude. 

 Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú. 

 As actividades estenderanse ao mes de abril. Deste xeito o sábado 2 de abril ás 17:00h,  polas rúas de A Guarda, terá lugar a sala de escape de Igualdade, dirixida a público familiar. 

 Os centros escolares do municipio participarán este ano nas conmemoracións do 8M recibindo superficies circulares con frases ou palabras en prol da igualdade real entre mulleres e homes, e participarán tamén nunha charla que contará coa intervención de Amelia Tiganus.  


Amelia Tiganus

 O mércores día 27 de abril pola mañá, terá lugar unha charla a cargo de Amelia Tiganus,  dirixida ao alumnado de Bacharelato e Ciclos de FP do IES A Sangriña, e o xoves 28 de abril, ás 19:30h o Centro Cultural acollerá unha segunda charla de Amelia Tiganus, dirixida ao público en xeral onde nos falará do seu libro “La revuelta de las putas.De víctima a activista”.




 Amelia Tiganus é una activista feminista abolicionista, nada o 11 de marzo de 1984 en Galati (Rumanía). Vive en Euskadi, a súa xanela ao mundo desde a que puido reconstruír a súa vida e renacer despois de ter sido explotada sexualmente durante cinco años no Estado español.  

 Publicou varios artigos, un comic titulado “Amelia, historia de una lucha”, coa intención de chegar á poboación máis nova e acaba de publicar  “La revuelta de las putas. De víctima a activista”, e é formadora en varios cursos e obradoiros de sensibilización e prevención da trata e a prostitución.  

 Das súas  aparicións nos medios de comunicación, destaca a súa intervención en Salvados – Las invisibles, un programa de TV de máxima audiencia da Sexta - onde foi entrevistada en profundidade polo xornalista Jordi Évole, e na cadena SER no programa de Aimar Bretos “Hora 25”, entre moitas outras intervencións públicas. 

 Tiganus deixa claro que: «Non podemos falar de igualdade entre homes e mulleres, nin de xustiza social, nin da sociedade do bo trato mentres exista unha soa muller no mundo explotada sexualmente».  

 Ten varios recoñecementos, entre eles, o do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, a persoas e institucións cuxa labor na erradicación da violencia contra as mulleres destacou especialmente. Categoría "Superación". 

 Asemade, desde o Concello de A Guarda estase traballando no deseño dun roteiro e unha andaina coa finalidade de visibilizar e pór en valor o importante papel das mulleres guardesas. 

 As actividades programadas están subvencionadas polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero do Ministerio de Igualdad. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario