2 de mar. de 2022

A GUARDA

O Concello de A Guarda dispón de dúas vivendas 

Para acoller a familias desprazadas polo conflito de Ucraína  


En sinal de apoio ao pobo de Ucraína, a fachada do Consistorio Municipal permanecerá dende a noite deste mércores día 2 de marzo alumeada coas cores azul e amarelo da bandeira deste país

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda 

 O Concello de A Guarda vén de pór a disposición das familias desprazadas polo conflito en Ucraína dúas vivendas no municipio. Trátase dunha vivenda de titularidade municipal no núcleo rural de Camposancos e un piso cedido por un particular no casco urbano da vila, para aloxar en total a dous núcleos familiares de 4 persoas cada un.  

 Dentro do acondicionamento destas vivendas o Concello de A Guarda comprométese aos subministros básicos (auga, luz, calefacción, etc.), mobiliario, cociña e baños.  

 Deste xeito o Concello de A Guarda participa no chamamento de colaboración da Secretaría de Estado de Migraciones do Ministerio de Inclusión Social, Seguridad Social y Migraciones, a través da comunicación de petición de axuda recibida por parte da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) aos concellos galegos para a acollida de familias procedentes de Ucraína.  

 Asemade e, en sinal de apoio ao pobo de Ucraína, a fachada do Consistorio Municipal permanecerá dende a noite deste mércores día 2 de marzo alumeada coas cores azul e amarelo da bandeira deste país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario