Néstor Rego: “O BNG é a forza que defende os intereses da Galiza e das clases populares”
O deputado nacionalista mantén un encontro coa veciñanza da Guarda e defende a necesidade de confiar nunha forza nitidamente galega como o BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participou este venres día 4 de marzo, nun encontro coa veciñanza da Guarda
Fotos: Santiago Baz Lomba
Infogauda / A Guarda
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, participou este venres día 4 de marzo, nun encontro coa veciñanza da Guarda para trasladar o traballo desenvolvido nos últimos dous anos en Madrid no que se mantivo sempre a coherencia na defensa dos intereses da Galiza e dos galegos e galegas.
Durante a súa intervención, Néstor Rego abordou cuestións de actualidade que
van desde a posición do BNG no debate na recente reforma da normativa laboral,
até a mellora dos servizos de transporte e as comunicacións no noso País,
especialmente o transporte ferroviario, o novo espolio enerxético co boom eólico
ao que está sometida a Galiza ou a escalada dos prezos de todos os bens de
consumo que padece neste momento a cidadanía.
A respecto da reforma laboral, o deputado no Congreso, destacou o
incumprimento dos compromisos que estabeleceran os partidos do Goberno, PSOE e
UP, coa cidadanía, máis tamén co propio BNG e outras forzas políticas como
condición para o apoio na investidura, de derrogar integramente a reforma
laboral do PP de 2012, porén, “decidiron pórlle un parche e
someterse aos ditados de Bruxelas e aos intereses da patronal”, denuncia o
voceiro nacionalista. Mais o BNG non renuncia seguir defendendo os
intereses da clase traballadora e a recuperación dos dereitos laborais perdidos
(indemnización por despido de 45 días, salarios de tramitación, prevalencia de
convenios galegos, intervención da autoridade laboral nos despedimentos
colectivos...) e por iso anuncia que rexistrará unha Proposición de Lei que
derrogue realmente o recorte de dereitos, para iso “buscaremos o apoio de todas
as forzas de esquerdas do arco parlamentario que votaron en contra por
considerala insuficiente frente ás promesas do executivo”.
Subliñou tamén a importancia de lograr a mellora dos servizos de trasporte
na Galiza, especialmente o ferroviario, e destacou o traballo continuo do BNG
neste sentido. A modernización das infraestruturas ferroviarias, o incremento
de frecuencias e horarios e a súa adaptación ás necesidades das persoas
usuarias, a recuperación de apeadeiros e estacións abandonadas, e o
abaratamento dos billetes son os elementos imprescindíbeis para logralo.
Así mesmo fixo fincapé na actual loita de toda a Galiza contra a invasión eólica. Un novo espolio enerxético, que supón un grave ataque ao patrimonio natural, cultural, patrimonial e ambiental, ademais de afectar directamente a terreos agrarios e produtivos. “As administracións facilitan que grandes multinacionais implanten megaparques eólicos, cando Galiza xa é excedentaria na produción de enerxía, estragando o patrimonio, pero sen xerar riqueza no territorio, pois os beneficios non fican no noso País nin xeran emprego, é máis, seguimos a pagar unhas das facturas eléctricas máis caras do Estado”, denuncia o deputado. Neste sentido defende a necesidade de implantar unha Tarifa Eléctrica Galega que compense polos custos ambientais e sociais da produción e abarate o custo para os consumidores e empresas na Galiza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario