15 de mar. de 2022

A GUARDA

O concello de A Guarda saca a licitación a humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde   

O orzamento de execución é de 172.331,54€


O alcalde Antonio Lomba Baz e o concelleiro de Vías e Obras, Miguel Ángel Español Otero, nunha visita a rúa Manuel Rodríguez Sinde

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 Con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, o Concello de A Guarda saca a licitación as obras de humanización da rúa Manuel Rodríguez Sinde dende o cruce coa rúa Calvario ata a intersección coa rúa San Bernardo, entre os números 5 e 23.  

 Esta humanización vén a completar as realizadas na contorna dando a este tramo de rúa a tipoloxía do casco histórico: pavimentado en pedra con plataforma única. Eliminaranse os estacionamentos para gañar espazo para os peóns, haberá un carril de rodadura de tres metros e o resto do ancho da rúa, repartido a ambos lados, estará reservado para as persoas e debidamente protexido. Esta nova urbanización cumple cos criterios de humanización da Deputación e converte esta  rúa en accesible.  

 As obras contemplan a renovación dos servizos de abastecemento de auga e sumidoiro, con separación de augas pluviais e fecais, así como a preinstalación para telecomunicacións e novas acometidas para o alumeado público.   

 O tempo de execución das obras estímase en 45 días e o orzamento de execución é de 172.331,54€.  

 Dende hoxe día 15 de marzo e ata o 12 de abril estará aberto o proceso de licitación. As bases e o proxecto estás dispoñibles para descarga no perfil do contratante do Concello de A Guarda na Plataforma de contratacións do Estado.

Ningún comentario:

Publicar un comentario