8 de feb. de 2022

REDONDELA

O persoal de seguridade do CAPD de Redondela mobilízase para  esixirlle a Mersant Vigilancia o pago dos salarios pendentes 

A adxudicataria do servizo neste centro público xestionado pola Xunta segue  sen abonar as nóminas de decembro de 2021 e de xaneiro de 2022  


O persoal encargado da seguridade do Centro de Atención de Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela mobilizouse hoxe diante das instalacións situadas no Camiño do Gaio, en Chapela
Foto: CIG

Infogauda / Chapela (Redondela)

 O persoal encargado da seguridade do Centro de Atención de Persoas con Discapacidade (CAPD) de Redondela mobilizouse hoxe diante das instalacións situadas no Camiño do Gaio, en Chapela, convocado pola CIG-Servizos para  reclamar o pago dos salarios pendentes. En concreto, a empresa adxudicataria deste servizo público dependente da  Xunta, Mersant Vigilancia, adebédalle as nóminas de decembro de 2021 e de xaneiro deste ano.  

 Na protesta participaron tamén de xeito solidario traballadores/as do CAPD e membros do comité de empresa de Política Social na provincia de Pontevedra en apoio das reivindicacións do persoal afectado. Ademais, a  representación da CIG neste comité vai presentar na vindeira xuntanza unha proposta para solucionar de inmediato  esta situación. 

 Situación que dende a central sindical consideran “totalmente inasumíbel”, xa que os traballadores/as permanecen  sen cobrar a pesar de seguen a cumprir cos seus deberes e obrigas laborais “mentres a Consellería de Política Social,  a Inspección de Traballo e a propia Xunta miran cara a outro lado a pesar das reclamacións da CIG para que se  rescinda o contrato coa empresa polo incumprimento das condicións do concurso”. Ademais, canto máis tempo  pase e máis débeda se acumule máis complicado vai ser atopar unha compañía que queira facerse cargo do servizo  “porque tería que asumir os salarios pendentes”. 

 A CIG xa se dirixiu á Consellería para denunciar as irregularidades e incumprimentos do prego de condicións do  concurso do servizo de seguridade de todas as instalacións dependentes de Política Social no conxunto de Galiza. Na  provincia de Pontevedra os afectados son o CAPD de Redondela, a residencia xuvenil Altamar, o centro de menores  Avelino Montero e CRAPD de Vigo I e II. 

 A federación de Servizos leva tempo advertindo sobre a situación temeraria dos últimos contratos da Xunta en  materia de seguridade, “que non se preocupa polo tipo de empresas ás que lles adxudica os servizos, como no caso  que nos ocupa, xa que Mersant Vigilancia leva con problemas de abono dos salarios dende que resultou  adxudicataria, incumprindo o convenio colectivo ao pagar sempre fóra de prazo”. 

Actuación irregular de Política Social 

 Na central tiveron coñecemento de que a Consellaría de Política Social vén de contratar a empresa Sasegur para  cubrir os descubertos do servizo provocados pola situación de baixa de parte do persoal de Mersant nos centros de  menores Avelino Montero de Pontevedra e Santo Anxo da Garda de Rábade, instalacións nas que dúas empresas van prestar o mesmo servizo con persoal diferente ao asignado pola empresa adxudicataria (Mersant). Ademais darase a paradoxa de que o persoal de Mersant faráo sen cobrar, mentres que o de Sasegur si que percibirá o seu salario.  

 Para a CIG trátase dunha actuación totalmente irregular que vulnera a lei de Seguridade Privada, polo que instan a  Xunta a rescindirlle o contrato a Mersant e a contratar unha empresa solvente e con capacidade para facerse cargo  dos 18 centros dependentes de Política Social. “Teñen que atopar unha solución conxunta e non poñer parches para  cubrir o servizo só en dous centros de menores, curiosamente as instalacións que máis alarma social crean pola súa  tipoloxía”.  

 Precisamente con este obxectivo o BNG tramitou varias preguntas a través da súa representación no Parlamento  para que a Xunta explique que xestións pensa facer para rematar coas deficiencias do servizo e para garantir que o  persoal cobre puntualmente os seus salarios. E tamén para impedir que compañías coma esta, que de maneira  reiterada vulnera os dereitos laborais e salariais do seu persoal, poidan optar a contratos públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario