CIG NO MORRAZO CHAMA Á MOBILIZACIÓN MASIVA NA MANIFESTACIÓN DO DÍA 13 DE FEBREIRO
PARA ESIXIR UN REFORZO DE AMBULANCIA DO 061 E MELLORAS NA ATENCIÓN PRIMARIA
CIG / O Morrazo
Dende o sindicato CIG no Morrazo facemos un chamamento para participar masivamente nas manifestacións simultáneas que partirán dende os centros saúde de Cangas e Moaña o día 13 de febreiro ás 11 da mañá.
Tras analizar a situación actual da sanidade pública na comarca a CIG identifica como asuntos principais a resolver, os seguintes:
• Necesidade dunha ambulancia máis do 061. Rexeitamos absolutamente as declaracións do Conselleiro de Sanidade no Parlamento de Galiza nas que se nega a reforzar o servizo do 061 no Morrazo e acusámolo de ocultar deliberadamente datos ao respecto da verdadeira situación da asistencia extrahospitalaria, pese a teren sido solicitado formalmente por rexistro público por esta organización.
• Falta de profesionais sanitarios, principalmente de medicina, para cubrir as consultas ordinarias de atención primaria. Esta situación está a provocar que centenares de habitantes carezan do dereito esencial a ter asignada unha médica de familia. Por este motivo, hai moitos pacientes aos que non se lle está a facer, entre outros aspectos, un seguimento axeitado das patoloxías crónicas, o que provoca un deterioro da súa saúde e mingua a súa esperanza de vida.
• Carencia de profesionais sanitarios. Ante o maltrato sistemático dispensado pola Xerencia de Atención Primaria de Vigo (sobrecarga de traballo, contratos en precario, negación de dereitos laborais, obriga a estar a disposición os 365 día do ano, eventualidade na contratación, etc.) o persoal sanitario opta por marchar a outras zonas xeográficas pese a se teren formado nesta área sanitaria. Esta situación trae consigo a imposibilidade de cubrir baixas, permisos e vacacións do persoal, o que en ocasións incrementa a lista de espera para unha consulta presencial de atención en máis de 2 semanas. Porén, o persoal sanitario está a alertar de que os pacientes chegando demasiado tarde a consultar patoloxías graves, o que retrasa o diagnóstico e condiciona as posibilidades dun tratamento eficaz. Ante esta situación os pacientes acaban acudindo á sanidade privada ou sobresaturando ás urxencias do PAC.
• Peche do servizo de urxencias de Moaña. Esiximos ao Sergas que acondicione os espazos existentes e que aumente cun segundo equipo de médica-enfermeira, de 15:00 a 8:00 os días de semana e ás 24 horas das fins de semana, para poder prestar un servizo axeitado no PAC de Moaña, mentres non se constrúa unha instalación sanitaria fronteiriza entre os concellos de Cangas e Moaña que permita a asistencia conxunta para ambos municipios nun mesmo centro.
Ningún comentario:
Publicar un comentario