8 de feb. de 2022

MOS

Paros e protestas contra os incumprimentos e a represión  laboral e sindical na empresa Hermanos López, de Mos 

A CIG desenvolveu hoxe unha concentración ás portas das instalacións da compañía no polígono da Veigadaña 


A práctica totalidade do cadro de persoal Hermanos López secundou hoxe o paro de tres horas convocado pola CIG
Foto: CIG

Infogauda / Mos

 A práctica totalidade do cadro de persoal Hermanos López secundou hoxe o paro de tres horas convocado pola CIG para rexeitar os incumprimentos e a represión laboral e sindical na empresa  mosense dedicada á colocación e o mantemento de instalacións eléctricas.  

 Un grupo de traballadores/as aproveitou para desenvolver unha concentración diante das  instalacións da compañía no polígono da Veigadaña de 8:00 a 11:00 horas. Dende a Unión Local da  CIG do Porriño denuncian que a dirección de Hermanos López leva meses a incumprir tanto o  convenio colectivo en materia de xornada como o acordo pactado entre as partes para flexibilizar a  xornada, xa que presiona os empregados/as máis vulnerábeis para que fagan horas”. 

 Neste contexto, “a empresa está a levar a cabo unha política interna de represión laboral e sindical  para desfacerse daquelas persoas que non acatan as súas imposicións e de paso desfacer o núcleo de traballadores/as vinculados/as á CIG. Con este obxectivo hai meses despediu a un empregado, que  optou por non denunciar, e máis recentemente rescindiulle o contrato a outro que levaba máis de  oito anos na compañía”.  

 En resposta, a CIG decidiu convocar tres xornadas de paros de tres horas que comezaron esta mañá  e que continuarán os vindeiros martes 15 e 22 de febreiro de 8:00 a 11:00 horas. Coincidindo cos  paros celebraranse, ao igual que no día de hoxe, concentracións ás portas da empresa. Segundo  destacan dende a CIG-Porriño, o seguimento do paro foi practicamente total entre un cadro de  persoal integrado por unhas 30 persoas. 

 Con estas medidas de presión “a central sindical quere denunciar a actitude represiva da empresa e  reclamar a inmediata reincorporación do traballador despedido, para o que xa presentou demanda  no xulgado solicitando a nulidade da decisión de rescindirlle o contrato”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario