1 de feb. de 2022

PONTEVEDRA

O XURADO DE #FOTOÁGORA, PRIMEIRO CERTAME PROVINCIAL DE FOTOGRAFÍA SOBRE O ESPAZO PÚBLICO, ANALIZARÁ 297 IMAXES PARA OUTORGAR ATA 40.000 EUROS EN PREMIOS  

A xornalista gráfica Mónica Patxot, o profesor da UVigo Jorge Lens, e representantes da Deputación de Pontevedra buscan as 12 fotografías que mellor amosen os principios Ágora 


O tribunal, que se constituíu hoxe, está formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-; a xornalista gráfica Mónica Patxot; o profesor da UVigo Jorge Lens; a xefa do servizo de Infraestruturas Carmen Gómez; o asesor en Mobilidade Jesús Fole; e Lucía Pazos, funcionaria do departamento de Mobilidade, como secretaria.

Fotos: Rafa Estévez

Infogauda / Pontevedra 

 O xurado de #FotoÁgora -certame fotográfico do departamento de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra para poñer en valor o espazo público como dereito das persoas a través de imaxes- deberá analizar as 297 fotografías presentadas para repartir ata 40.000 euros en premios.  

 O tribunal, que se constituíu hoxe, está formado pola presidenta da Deputación –e o deputado Uxío Benítez como suplente-; a xornalista gráfica Mónica Patxot; o profesor da UVigo Jorge Lens; a xefa do servizo de Infraestruturas Carmen Gómez; o asesor en Mobilidade Jesús Fole; e Lucía Pazos, funcionaria do departamento de Mobilidade, como secretaria.   


Os membros do xurado tiveron esta mañá súa primeira reunión no Pazo da Deputación de Pontevedra

 Todos eles deberán analizar as 297 imaxes presentadas por 62 persoas das 95 inicialmente admitidas a concurso. Na reunión mantida esta mañá fíxose unha primeira e rápida visualización dos traballos e salientouse a existencia de pezas de grande calidade, que agora deberán ser estudadas máis en profundidade de maneira individual. Haberá un vindeiro encontro o próximo 15 de febreiro, cando o obxectivo é facer unha primeira peneira entre as fotografías para levar á final só as mellores propostas.  

 Será a finais de mes cando se anunciarán as imaxes gañadoras do primeiro (6.000€)  e segundo premio (4.000) e as que corresponden a cada un dos principios que promulga a Rede Ágora (2.000 € cada unha): O espazo público é un dereito das persoas; As persoas primeiro; Mobilidade inclusiva; Autonomía infantil; Mobilidades alternativas; Espazos seguros; Hábitat saudable; Espazos amables e de calidade; Actividade económica de proximidade; e Mobilidade sustentable. Tamén se seleccionarán outros 20 accésit (500€ cada un). Cabe a posibilidade de que algún dos apartados sexa declarado deserto.  

 Segundo explicou trala reunión o deputado Uxío Benítez, moi satisfeito da acollida e o resultado da iniciativa, o obxectivo do certame é abordar a importancia e a prioridade das persoas no espazo público dende todas as perspectivas.   

 Segundo dixo, quérese aproveitar o auxe da fotografía urbana, unha disciplina que concibe á cidade como un ecosistema na que o ser humano se relaciona entre si e coa contorna para acadar recursos gráficos que amosen o modelo Ágora, retratando tanto cuestións positivas, como as persoas facendo uso dos espazos públicos de calidade cando son recuperados para elas fronte á invasión do automóbil, e tamén negativas, denunciando situacións incorrectas.   

 Un dos poucos requirimentos das bases foi que as imaxes fosen realizadas exclusivamente no espazo público da provincia de Pontevedra, primando a transmisión de valores e da vida na cidade máis que o retrato dunha obra concreta. “Queremos que as imaxes transmitan emocións, a vida da xente, e fuxir da fotografía ‘de arquitectura’”, subliñou o xurado.  

 Ademais de valorar o ‘sentir’ de cada imaxe no modelo Ágora pola parte técnica das representantes técnicas da Deputación, a calidade das imaxes será estudada por dúas persoas especialistas tanto na teoría como na práctica da fotografía, Jorge Lens e Mónica Patxot.   

 Lens é licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e doutor pola Universidade de Vigo, profesor de fotografía na UVigo dende 1997, e en activo na práctica fotográfica cun proxecto de fotografía de rúa sobre as grandes capitais europeas.  

 Mónica Patxot é xornalista gráfica cunha ampla experiencia profesional. Actualmente exerce no xornal dixital Pontevedra Viva despois dunha traxectoria por distintas cidades españolas en cabeceiras como La Voz de Galicia, Diario 16 e Público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario