1 de feb. de 2022

GALIZA

A CIG convoca concentracións este xoves 3 de febreiro pola  derrogación das reformas laborais 

Demanda das forzas nacionalistas e de esquerda que non avalen co seu voto unha lexislación que consolida a precariedade 




Infogauda / A Coruña

 Con motivo do debate e votación no pleno do Congreso  dos/as Deputados/as do RD/lei 32/2021, a CIG ten convocadas mobilizacións de delegadas e  delegados o próximo xoves, 3 de febreiro, para amosar o seu total rexeitamento á nova  reforma laboral. A central insta as forzas nacionalistas e de esquerda a non validar unha  normativa que consolida a precariedade e reclama unha nova lexislación que permita  recuperar os dereitos roubados e mellorar as condicións de traballo para termos emprego e  salarios dignos. 

HORAS E LUGARES DAS CONCENTRACIÓNS 

A Coruña, ás 12h, na Delegación do Goberno (Praza de Ourense). O secretario xeral da  CIG, Paulo Carril, participará desta concentración e fará declaracións aos medios de  comunicación ás 11:50h. 

Vigo, ás 11, diante da Dirección Provincial do SEPE. 

Pontevedra, ás 12h, na Subdelegación do Goberno 

Ferrol, ás 12h, na Praza de Armas 

Compostela, ás 11h, na Praza de Galiza. 

Lugo, ás 12h, na Subdelegación do Goberno 

Ourense, ás 11h, na Subdelegación do Goberno 

 Con estas concentracións a CIG dá continuidade ás mobilizacións realizadas o pasado domingo  30 de xaneiro contra este novo pacto social “que vén enterrar máis dereitos laborais e que  significa consolidar as reformas de 2010 e 2012”, ao seguir dándolle a patronal todo o poder  para que poida despedir fácil e barato, aplicar ERE, ERTE e modificacións substancias das  condicións de traballo, baixar salarios e estender a precariedade e a pobreza laboral. 

 Esta reforma, pactada no diálogo social e que se quere impoñer no Congreso, é un novo  instrumento que vai favorecer as nefastas políticas do PP e de Feijóo en Galiza e constitúe a  peor solución para afrontar de maneira xusta a crise social e industrial que padece o noso país,  a actual carestía da vida e os cambios que se están a dar no mundo do traballo resultado dos  procesos da descarbonización e dixitalización. 

 Por iso, a CIG seguirá esixindo a derrogación inmediata das reformas laborais de 2010 e 2012 e  reivindicando o dereito a negociar os convenios colectivos no noso país, de xeito que as  persoas traballadoras poidamos decidir sobre as nosas condicións de traballo e que non sexan  as cúpulas sindicais as que o fagan por nós dende Madrid.

Ningún comentario:

Publicar un comentario