1 de feb. de 2022

PONTEVEDRA

No marco dos acordos de colaboración entre a Consellería de Sanidade e o Colexio de Farmacéuticos 

AS FARMACIAS DE PONTEVEDRA DETECTARON   4.000 POSITIVOS POR COVID-19  

· Continúan activos o Programa de  cribado mediante  PCR de saliva e a  realización de probas de  autodiagnóstico de  antígenos 

· As farmacias de Pontevedra dispensaron 122.452 tubos de recollida de mostra  de saliva a persoas asintomáticas de 12 a 64 anos 

· 751 farmacéuticos de 297 farmacias realizan test de  autodiagnóstico de  antíxenos  e certifican o resultado 


Fonte: Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra 

 As cifras que lanza a intervención das  farmacias de Pontevedra na loita contra a pandemia poñen de manifesto a intensa  actividade que os farmacéuticos levan a cabo nos diferentes programas, froito dos  acordos de colaboración subscritos entre o Colexio de Farmacéuticos e a Consellería  de Sanidade. 

 Os datos tradúcense en 4.000 positivos por COVID-19 detectados ata o momento  de forma directa nas farmacias de Pontevedra, aos que hai que engadir os contactos  positivos detectados de forma indirecta e as cadeas de transmisión que se cortaron   grazas aos  cribados que se realizan nas farmacias. 

 “Os servizos sanitarios que están a prestar os farmacéuticos nesta pandemia son  moi valorados polos cidadáns e pola administración sanitaria galega”, sinala a  presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, e engade que “é  indiscutible o valor asistencial e social da farmacia, que se evidenciou como  un recurso sanitario esencial.” 

Cribado mediante  PCR por combinación en mostra de saliva  

 No marco do programa de  cribado mediante  PCR por  combinación (pooling, en inglés) en mostra de saliva, que desde o 9 de febreiro de 2021 está activo nas farmacias de Pontevedra, os  farmacéuticos dispensaron 122.452 tubos de recollida de mostra de saliva a persoas  asintomáticas de 12 a 64 anos.  

 As 402 farmacias de Pontevedra que participan, o 92% das farmacias da provincia, detectaron ata o momento 2.284 positivos, pasando dun 0,2% de positividade  ao comezo do programa ao 11% nesta sexta onda. 

Dispensación de test de  autodiagnóstico de  antíxenos de saliva entre a poboación  de 5 a 11 anos 

 O luns 31 de xaneiro finalizou a Campaña de volta ao colexio que a Consellería  de Sanidade, en colaboración coas farmacias e os colexios de farmacéuticos, puxo en marcha  para facilitar a entrega gratuíta de  autotest de  antíxenos de saliva aos nenos  de 5 a 11 anos para control da COVID-19. 

 No marco deste Programa, que incluíu tamén a Campaña de Nadal dirixido á  mesma poboación, os farmacéuticos de Pontevedra dispensaron 50.660 test, proporcionando información aos pais ou titores dos nenos sobre a recollida da  mostra, a realización do test, a posibilidade de falsos negativos ou positivos e que  facer en caso de resultado positivo. 

Realización de test de  autodiagnóstico de  antíxenos 

 A realización de test de  autodiagnóstico de  antíxenos, na que participan 297  farmacias de Pontevedra (68%) e que está activa desde o 29 de xullo de 2021, permitiu   detectar 1.716 positivos no 48.915 test realizados. 

 Os farmacéuticos informan, supervisan a toma de mostra, procesan a mostra, len o resultado do test, rexístrano no Sergas e emiten o certificado co resultado.  

 Desde o 30 de decembro un resultado positivo contabilízase directamente como  un caso positivo confirmado, mentres que antes desa data era necesario a  confirmación mediante  PCR

Ningún comentario:

Publicar un comentario